O BNG non acepta a estratexia do medo do PP, nin con informes policiais falsos, nin coa Lei mordaza

O BNG non acepta a estratexia do medo do PP, nin con informes policiais falsos, nin coa Lei mordaza

O BNG levará ante o Congreso e ante o Parlamento galego a estratexia do PP de represión e criminalización da protesta social

Máxime tras a aprobación da Lei mordaza, que ten como novo exemplo a imputación de tres membros da formación nacionalista, -Ruben Cela, Paulo Carballada e Afonso Losada-, pola súa participación no acto de protesta do 24 de agosto en Santiago contra as políticas da Troika e da dereita que representaba a presenza da canciller Angela Merkel e do presidente Mariano Rajoy.

“Vemos que o PP forza as cousas a través de informes policiais absolutamente falsos e inverosímiles feitos aposteriori para incriminar a persoas que participaron pacificamente na manifestación”, denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence. O obxectivo desta estratexia é “amedrentar á cidadanía para conseguir frear as protestas”.

Neste sentido, Vence advirte que o PP non poderá calar a lexitima protesta social nin da cidadanía, nin do BNG.

“Non imos aceptar, baixo ningún concepto, a estratexia do medo do PP, non imos calar, non imos aceptar esa estratexia represiva usando os corpos policiais e a mentira como forma de incriminar ás persoas que participan nas protestas”, explicou. Por contra, o Bloque continuará coa denuncia “desta escalada represiva que pon en perigo o propio exercicio dos dereitos cívicos e democráticos”.

Vence subliña a necesidade de que a sociedade “sexa consciente do alcance da Lei mordaza do PP que pretende meter medo, e que saiba que neste país hai xente, como a que milita no BNG, que non está disposta a calar e seguirá reclamando dereitos xustos tanto para a cidadanía como para o país”, concluíu.

O BNG non acepta a estratexia do medo do PP, nin con informes policiais falsos, nin coa Lei mordaza