O BNG propón dotar dun paso de peóns a rúa Volta do Castro e modificacións no transporte público

O BNG propón dotar dun paso de peóns a rúa Volta do Castro e modificacións no transporte público

A concelleira Elvira Cienfuegos defenderá unha iniciativa no Pleno para reclamar melloras na mobilidade desta zona

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014.- O BNG defenderá unha iniciativa no vindeiro Pleno municipal para reclamar que se adopten medidas de seguridade viaria e de mellora da mobilidade na Volta do Castro. En concreto, propón dotar dun paso de peóns e beirarrúas a rúa Volta do Castro para mellorar a seguridade do tránsito peonil e facer as modificación necesarias no transporte público para mellorar a comunicación neste lugar.

A concelleira Elvira Cienfuegos explicou que na rotonda da Volta do Castro, situada por enriba da avenida de Xosé Filgueira Valverde (SC-20), a velocidade dos vehículos é percibida como excesiva. Ademais, funciona como barreira para os peóns que veñen e van cara a Rocha por carecer de espazo para eles, que se ven obrigados a facer un percorrido máis longo a través dun paso elevado, cando non optan por xogarse a súa seguridade pola beira da propia rotonda.

Por outra parte, a beiravía peonil da ponte da Rocha remata sen paso de peóns que permita o cruzamento e sen beirarrúa ningunha pola rúa Volta do Castro, por onde se fai moi perigoso o tránsito para as persoas.

A iso hai que engadir que a comunicación desta zona a través do transporte público tamén se viu minguada nos últimos anos coa supresión de liñas e as modificacións na liña C5, o que xera graves problemas para a veciñanza, que ve dificultada a súa xestión diaria no relativo a acudir aos postos de traballo, ás compras e aos centros médicos, entre outros.

Así, o BNG propón a adopción de melloras de seguridade viaria coa instalación de resaltes na calzada, sinais preventivos ou coas medidas que estimen oportunas para diminuír a velocidade dos vehículos na rotonda e nas proximidades, ademais de estudar a posibilidade de minimizar o impacto da rotonda que funciona a xeito de barreira para os peóns e facilitar o seu tránsito.

O BNG propón dotar dun paso de peóns a rúa Volta do Castro e modificacións no transporte público