O BNG require que se atenda a reivindicación de mellora de mobilidade e do comedor do CEIP Fontiñas

O BNG require que se atenda a reivindicación de mellora de mobilidade e do comedor do CEIP Fontiñas

Demanda “unha solución urxente” para evitar o traslado diario e á intemperie aos servizos de comedor e de madrugadores que se ofrecen en “aulas provisionais

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, amosou o apoio do BNG ás reivindicacións dos pais e das nais do alumnado do centro de educación infantil e primaria das Fontiñas e demandoulle ao alcalde de Santiago “unha solución urxente” para evitar o traslado diario e á intemperie das crianzas aos servizos de comedor e de madrugadores que se ofrecen en “aulas provisionais”.

Existen dous edificios separados e valados para impartir infantil e primaria que contan cun único servizo de madrugadores e de comedor no centro de infantil, polo que dúas veces ao día teñen que facer o traslado dos máis pequenos e pequenas dun espazo a outro “á intemperie, con frío, chuvia e perigo de esvarar, co perigo engadido de atravesar unha rúa con tráfico rodado”.

Segundo explicou Rubén Cela, os pais e as nais transmitíronlle nunha reunión ao BNG que levan meses a demandarlle á Xunta de Galiza que busque unha solución. “Esixímoslle ao alcalde e ao seu Goberno que busque unha solución inmediata para conectar estes dous edificios de xeito que os nenos e as nenas poidan ir dun a outro sen perigo”, reclamou o portavoz municipal nacionalista en Raxoi. “Queremos que o Concello de Santiago se poña a disposición da Xunta de Galiza, que é quen ten competencias para executar a actuación”, indicou.

Pola súa parte, a ANPA require a construción dun novo comedor no medio das instalacións existentes sobre parte da beirarrúa de paso público “o que posibilitaría ampliar o comedor xa que nos últimos catro anos se duplicou o número de nenos e de nenas que fan uso deste servizo nunha aula provisional adaptada”.

O BNG non se pecha a que esta sexa a única solución posíbel, “o que lle pedimos ao Goberno municipal é que non se poña de perfil ante esta problemática, atenda as peticións dos pais e das nais e se poña a disposición da Xunta de Galiza para favorecer que se poida acometer esta ou outra actuación para lle dar solución aos problemas de mobilidade e de prazas de comedor”.

O BNG require que se atenda a reivindicación de mellora de mobilidade e do comedor do CEIP Fontiñas