O BNG de Santiago reclama a rebaixa dos prezos das peaxes da autoestrada AP-9

O BNG de Santiago reclama a rebaixa dos prezos das peaxes da autoestrada AP-9

Os 275 millóns de euros de beneficios dende 2008 non repercutiron en melloras de seguridade, iluminación nin asfaltado e, en moitos tramos, até diminuíu o número de peaxistas

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2014.- O BNG de Santiago reclámalle ao Goberno do PP que xestione coa concesionaria da autoestrada do Atlántico a rebaixa dos prezos das peaxes en, cando menos, un 32%, que é a porcentaxe de aumento das tarifas desde o inicio da crise económica no ano 2007.

Para o BNG, a Xunta debe instar a Itínere a que aplique descontos semellantes aos doutras autoestradas do Estado español polo uso frecuente destas vías de comunicación.

Ademais, considera que se lle debe esixir á empresa concesionaria que repercuta os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada que adoece de deficiencias en moitos dos seus tramos e na mellora da calidade do servizo que experimentou un empeoramento significativo.

Para o BNG, tamén é necesario que o Goberno do Estado español proceda á finalización da explotación privada da AP-9 en mans de AUDASA para convertela nunha autopista pública gratuíta que cumpra coa súa función de rede de comunicación que vertebra todo o territorio galego de norte a sur.

Pese a todas as iniciativas que leva presentado o BNG no Concello de Santiago, como no Parlamento galego e no Congreso, tanto o Goberno da Xunta como o Goberno do Estado español fan ouvidos xordos a estas propostas que, en realidade, son unha demanda da sociedade galega pola imposibilidade económica de pagar peaxes inasumíbeis en momentos de dificultades económicas.

A privatización da autoestrada está a significar grandes incrementos das peaxes. Así, desde a privatización de AUDASA no 2003 (actualmente propiedade de Itínere e á súa vez en mans dun fondo especulativo norteamericano) incrementáronse nun 50% as tarifas entre A Coruña e Vigo, pasando de 10,28 a 15,35 euros. Ademais, a concesión foi ampliada até o ano 2048 baixo o Goberno presidido por Aznar, unha explotación que outorga grandes beneficios económicos a esta empresa por unha infraestrutura que está máis que amortizada, como demostran os multimillonarios beneficios da empresa concesionaria, que ascenderon a 275 millóns de euros desde o ano 2008. No período comprendido entre o ano 2001 e o 2012, os beneficios desta empresa ascenderon a 1.270 millóns de euros.

Mais os beneficios nin sequera repercuten no servizo ás persoas usuarias, non se mellorou a iluminación nin o asfaltado en moitos tramos e até diminuíu o número de cobradores. Esta autoestrada rexistra colas de horas en períodos estivais ou datas sinaladas sen se adoptaren medidas adicionais de ningún tipo. Mesmo os clientes habituais da AP-9 non poden beneficiarse dos descontos polo uso frecuente, uns descontos que Itínere si ofrece noutras autoestradas do Estado español.

Estas condicións supoñen un claro abuso, e así o entende a sociedade galega que non ten máis remedio que optar pola vella N-550, duplicando os tempos de viaxe, mesmo con risco para a seguranza debido ao seu mal estado. A AP-9, xa suficientemente explotada a mans privadas, debería ser un servizo público gratuíto que servise para vertebrar o territorio galego e facilitar as comunicacións.

O BNG de Santiago reclama a rebaixa dos prezos das peaxes da autoestrada AP-9