O BNG vota en contra dos Orzamentos municipais 2015 e desenmascara os “artificios contábeis” do PP

O BNG vota en contra dos Orzamentos municipais 2015 e desenmascara os “artificios contábeis” do PP

A grave carencia é o Plan de Emprego impulsado polo BNG, un acordo plenario aprobado por unanimidade que non recollen estas contas

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, anunciou en rolda de prensa que o BNG votará en contra da proposta de Orzamentos municipais para 2015 e desenmascarará os “artificios contábeis” do PP, porque “nin son expansivos, nin contemplan os grandes investimentos que se din, nin son o resultado dunha excelente xestión”.

“Imos sacar toda a propaganda e as medias verdades e pór enriba da mesa que a existencia de superávit ou remanentes de tesourería non é equivalente a unha boa xestión, máis ben todo o contrario; e imos desenmascarar unha serie de artificios contábeis”, explicou, “ademais das grandes carencias destes orzamentos para as necesidades de investimentos, atención social e reactivación económica”.

Referiuse así aos investimentos plurianuais que contemplan escasas partidas en 2015, que cualificou de “fogos de artificio e fume para vender que o Concello ten intención de facer pero realmente iso non vai avalado polas contas”. Unha parte importante deses investimentos, máis de 2 millóns de euros, nin sequera teñen garantida a consignación orzamentaria, porque van depender da venda de parcelas municipais, indicou.

Existe unha grave carencia, como é un plan de emprego que o BNG “demandou, propuxo e conseguiu que se chegase a aprobar no Pleno por unanimidade”. “Mais só se recollen partidas dispersas, dirixidas á formación e cun retorno difícil de cuantificar, cando hai partidas noutros apartados non prioritarios moito máis elevadas”, destacou o portavoz municipal nacionalista.

Sobre a renda social, Rubén Cela afirmou que é “unha das poucas cousas positivas destes orzamentos, que vén forzada polos grupos da oposición aínda que no BNG vemos insuficiente a cantidade e a falta de concreción nos criterios para conceder esa subvención”.

Recoñecemento ao escultor Francisco Asorey

Destacou entre os asuntos que trasladará o BNG ao Pleno de novembro unha moción conxunta para instalar unha placa no obradoiro do escultor Francisco Asorey, para conmemorar o 125 do seu nacemento e contribuír a difundir o seu legado á cidade.

O BNG vota en contra dos Orzamentos municipais 2015 e desenmascara os “artificios contábeis” do PP