Cambiaron as caras do Goberno de Santiago pero seguen as formas e métodos de Conde Roa e de Currás

Cambiaron as caras do Goberno de Santiago pero seguen as formas e métodos de Conde Roa e de Currás

O BNG insta ao alcalde “a tomar en serio o problema do atraso na xestión de licenzas urbanísticas porque hai alarma e descontento na veciñanza”

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2014.- O portavoz grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sinalou en rolda de prensa que se ben “cambiaron caras no Goberno local de Santiago, seguen as mesmas formas e métodos de Conde Roa e de Ángel Currás coa mesma forma do PP de entender a política”. Referiuse así a que das seis moción presentadas pola oposición, Agustín Hernández non considerou ningunha de carácter urxente e utilizou a maioría absoluta do PP para impedir o seu debate.

Para Hernández, das mocións presentadas polo BNG, non lle parece urxente condenar o que acontece en Gaza, que o Concello de Santiago presione para que se active o sistema ERTMS na entrada ferroviaria a Compostela nin que se acometan as obras pendentes que ten Xestur dende hai dous anos no remate do polígono industrial da Sionlla. “Isto evidencia que a entrada de Hernández foi un punto e seguido e non un punto e á parte, como intentaron vender hai unhas semanas dende o PP”, explicou.

Cuestionou, ademais, a “lixeireza” do PP sobre a paralización e atraso da tramitación das licenzas municipais para efectuar calquera obra, outro dos asuntos que trasladou o BNG ao Pleno ordinario de xullo. “Se Hernández non coñece aínda o tema, invítoo a que se interese e se responsabilice el persoalmente a buscar unha solución e convídoo a que fale con calquera veciño ou veciña de Santiago que intentara tramitar unha licenza no último ano para que lle conte a súa experiencia”, sinalou Rubén Cela.

“Existe un auténtico tampón e a xestión das licenzas en Santiago é un absoluto desastre”, afirmou o portavoz municipal nacionalista. Así, puxo como exemplo que no mes de maio existía un atraso de catro meses nas licenzas municipais e conseguiuse reducir á metade porque se dedicou persoal doutros servizos a reforzar estas funcións de xeito temporal. “Hoxe hai un atraso de máis de dous meses nas licenzas tramitadas neste Concello e o máis terríbel é que se emprega unha trampa perniciosa que é darlle prioridade ás revisións das comunicacións previas e remitir as notificacións cos defectos e logo, unha vez entregadas as subsanacións detectadas, tarda outros dous meses en incorporarse ao expediente”, explicou.

“Este método provoca unha situación insostíbel para moitos veciños e veciñas, hai moitas obras que teñen que ver coa reparación de tellados e de fachadas que se teñen que efectuar en período seco”, indicou, “por iso a veciñanza as rexistra entre febreiro e abril, mais aínda hoxe en agosto non están aprobadas e non se poderán realizar este verán”. Ademais, isto repercute no sector da construción “que practicamente está parado na obra nova e moitas pequenas empresas de Santiago malviven de acometer estas reformas e rehabilitacións”, engadiu.

Sen axilizar as licenzas e ao impedir que se realicen as obras solicitadas interfírese na actividade económica de moitas persoas que están pendentes de abrir ou de reformar os seus negocios comerciais, “das que depende o seu sustento”, ou como onte recoñeceu a concelleira que no ámbito rural as que solicitaron licenza para a mellora das súas explotacións agrarias quedaron fóra das subvencións porque “tiñan que achegar a licenza municipal antes do 30 de xuño e a día de hoxe aínda seguen en tramitación co que perderán a axuda da Consellaría do Medio Rural”. “Iso si, o Concello cobra puntualmente as taxas e os impostos”, indicou.

Cuestionou tamén que unha das primeiras medidas da nova concelleira de Urbanismo sexa pechar o Rexistro durante o mes de agosto, o que implica tamén o peche da oficina e do servizo de cita previa. Rubén Cela subliñou tamén que o mes de agosto é aproveitado por moitas persoas de Compostela que durante o ano viven fóra de Santiago e volven nas súas vacacións para realizar algunha reparación nas súas vivendas e se atopan co servizo pechado á atención ao público.

Para o portavoz municipal, trátase dun problema “de xestión política con insuficiencia de persoal e de mala organización do servizo” e puxo como exemplo que nos últimos tres anos se modificaran até tres veces as funcións atribuídas a cada persoa que forma parte dese departamento e os procedementos a seguir.

Así, instou ao alcalde “a tomar en serio o problema do atraso na xestión de licenzas urbanísticas porque hai unha grande alarma e descontento na veciñanza”.

Cambiaron as caras do Goberno de Santiago pero seguen as formas e métodos de Conde Roa e de Currás