O Concello de Santiago ten que garantir que a empresa concesionaria da limpeza cumpra o contrato

O Concello de Santiago ten que garantir que a empresa concesionaria da limpeza cumpra o contrato

O BNG expresa o seu apoio ao persoal de limpeza concentrado ás portas de Raxoi e requírelle “celeridade e contundencia” ao Goberno de Hernández para que a concesionaria pague as nóminas con normalidade

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014.- O grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz Rubén Cela, expresou a súa solidariedade e apoio ás traballadoras da limpeza da concesionaria do Concello de Santiago que reivindicaron, ás portas do pazo de Raxoi en coincidencia co Pleno extraordinario, o cobro dos salarios íntegros e de xeito puntual.

“É inaceptábel e intolerábel que a nova empresa concesionaria incumpra as condicións de pagamento das nóminas das traballadoras e, nese sentido, hai unha responsabilidade directa do Concello de Santiago, que debe velar polo cumprimento estrito dos pregos de contratación dos servizos que se prestan”, explicou Rubén Cela en declaracións aos medios de comunicación.

“O Concello de Santiago ten que garantir que a empresa concesionaria cumpra coas condicións de contratación e, polo tanto, que as traballadoras cobren o que teñen que cobrar e cando o teñen que cobrar”, indicou, “porque hai que lembrar que é un segmento laboral especialmente mal remunerado e, aínda por riba, empresas que teñen que ter solvencia económica para poder soster o pagamento puntual das nóminas están a incumprir as condicións contractuais”.

Así, requiriu “maior celeridade e contundencia” ao Goberno local “que cando actuou noutros casos como Clece nas escolas infantís municipais” cando se detectaron irregularidades na prestación do servizo.

“Cando hai empresas concesionarias que gañan concursos públicos e despois non cumpren as condicións, a administración ten que ser especialmente vixiante, contundente e rápida”, concluíu.

O Concello de Santiago ten que garantir que a empresa concesionaria da limpeza cumpra o contrato