Os datos de Lavacolla indican que se xestiona “de xeito pésimo” o sistema aeroportuario galego

Os datos de Lavacolla indican que se xestiona “de xeito pésimo” o sistema aeroportuario galego

“Os malos resultados teñen consecuencias directas na hostalaría e na restauración, cun febreiro co peor comportamento turístico dos últimos anos”

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, entende que se está a xestionar “de xeito pésimo” o sistema aeroportuario galego e, en concreto, o aeroporto de Lavacolla.

Os últimos datos do mes de febreiro así o constatan, indicou Rubén Cela. O aeroporto de Santiago acumula 23 meses de caída no cómputo mensual de pasaxeiros e pasaxeiras e, concretamente, neste mes de febreiro a un afundimento dun 18,9% con tan só 111.741 persoas viaxeiras. Pola contra, os datos de Aena revelan tamén que o tráfico de pasaxeiros e pasaxeiras no conxunto do Estado medrou por cuarto mes consecutivo, un 3,1% en relación ao mes de febreiro de 2013.

“Os datos de Lavacolla teñen consecuencias directas no ámbito da hostalaría e da restauración onde é máis que previsíbel que este último mes sexa un dos febreiros con peor comportamento dos últimos anos”, sinalou.

Para o portavoz nacionalista en Raxoi, as noticias no curto prazo tampouco son alentadoras, a finais deste mes comeza unha campaña de verán cunha redución moi importante da conectividade con Madrid (31 voos semanais: 26 de Iberia e 15 de Ryanair) co que significa en canto a problemas empresariais e para enlazar co resto do Estado e do mundo debido á dependencia do sistema radial que provoca que haxa que facer escala en Madrid.

“Conclusións que todo o mundo sabe”

Neste sentido, Rubén Cela tachou de “decepcionante” a reunión constitutiva do comité de coordinación aeroportuaria de Galiza, xa que seis meses despois “o único que hai é unha nova foto e un novo estudo dunha empresa consultora coas mesmas conclusións que todo o mundo sabe”.

Referiuse, así, á necesidade de coordinación e complementariedade dos tres aeroportos galegos, á especialización de Lavacolla en voos internacionais, á necesidade de mellora das comunicacións por estrada con dispoñibilidade de aparcadoiros e á única política conxunta para a captación de novas rutas con criterio de país. “Todo o contrario ao que fixo a Xunta de Galiza até agora con políticas que favoreceron a competencia entre os tres aeroportos galegos”, concluíu.

Os datos de Lavacolla indican que se xestiona “de xeito pésimo” o sistema aeroportuario galego