Mera: “É preciso que a xente que vota por vez primeira apoie o BNG para que Galiza poida decidir"

Mera: “É preciso que a xente que vota por vez primeira apoie o BNG para que Galiza poida decidir"

Galiza Nova organizou a campaña “Protéxete da Unión Europea” para achegarlle á xente moza as propostas que trasladará o BNG a Bruxelas

alberte.mera.gzn

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2014.- Galiza Nova emprendeu a campaña “Protéxete da Unión Europea” para distribuír un díptico coas caricaturas de Mariano Rajoy e de Angela Merkel que, no seu interior, contén un preservativo para convidar a protexerse “coas políticas do BNG e facer o amor á galega”. Deste xeito, a organización xuvenil nacionalista apela ao voto para o BNG das persoas que votan por vez primeira nestas eleccións europeas “porque é o voto que lle doe a Rajoy, a Merkel e a Troika”.

O díptico explica tamén que a “Unión Europea é a ruína da mocidade galega” e ten a intencionalidade de animar a xuventude a rebelarse co seu apoio ao Bloque Nacionalista Galego nas eleccións do vindeiro domingo.

Con esta campaña “que ten unha grande aceptación”, en palabras de Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, “quérese chegar á xente moza que mesmo foxe dos estereotipos da política e facerlle ver que o feito de ir votar condiciona o futuro de temas que especial incidencia no ensino, no emprego, nas liberdades sociais e na vivenda, por exemplo, que lle afectan directamente”.

“Deste xeito, son moitos mozos e mozas que se achegaron aos postos instalados, tanto en horario diúrno como nocturno, para interesarse pola iniciativa e coñecer de preto as propostas que trasladará o BNG ao Parlamento europeo despois do 25 de maio”, engadiu o secretario xeral de Galiza Nova.

Ademais, Alberte Mera realizou tamén un chamamento á xente máis nova que vota por vez primeira nestas eleccións europeas para que, “se verdadeiramente quere transformar a sociedade e unha maior xustiza social, se anime a dar o paso e apoiar o BNG que é quen defende os intereses de Galiza por riba de todo”.

“Foi o BNG quen trasladou as reivindicacións dos numerosos movementos sociais galegos a Bruxelas, sempre con vontade firme e inequívoca para resolver os problemas que esmagan o noso país”, explicou, “por iso é preciso incrementar o apoio coa xente moza que ten conciencia crítica e espertar o seu compromiso para traballar man a man por un futuro mellor e para que Galiza poida decidir”.

Mera: “É preciso que a xente que vota por vez primeira apoie o BNG para que Galiza poida decidir"