Rubén Cela lémbralle ao alcalde a promesa de arranxar as rúas e beirarrúas do campus universitario

Rubén Cela lémbralle ao alcalde a promesa de arranxar as rúas e beirarrúas do campus universitario

O BNG defenderá unha iniciativa no Pleno para que a reparación e a conservación do campus sur se inclúan no plan de obras

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2014.- O BNG trasladará ao Pleno deste xoves unha iniciativa para que se reparen as vías e beirarrúas do campus sur e se proceda a un adecuado mantemento das pistas deportivas e do mobiliario urbano.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, un dos grandes problemas da cidade de Santiago de Compostela é o mal estado de conservación da súa rede viaria “e, concretamente, no campus sur é lamentábel, tanto nas vías como nas beirarrúas” e supón “un claro perigo” tanto para as persoas condutoras como para peóns, ademais de contribuír a un deterioro evidente dos propios vehículos de milleiros de persoas que transitan a diario pola zona.

Puxo como exemplo a rúa Lope Gómez de Marzoa, que se ve especialmente afectada polas fochancas que dificultan o tránsito rodado e o peonil, ademais de amosar unha imaxe non desexábel da cidade. No caso do campus hai un agravante: a falta de palabra do PP, cando en 2011 prometeu que ía ser un obxectivo fundamental o seu acondicionamento porque había que recuperar a dignidade da zona e que en poucos días se verían os froitos da súa xestión. Lembrou que o alcalde Ángel Currás anunciara hai un ano, despois de conversas coa Universidade, que todo estaba preparado para a participación do Concello no acondicionamento do campus, mais a súa falta de recuperación dista moito da promesa, indicou Rubén Cela.

“Con independencia de que este inverno fose especialmente chuvioso, a explicación do lamentábel estado de determinadas zonas da cidade non se debe en exclusiva ás condicións meteorolóxicas senón a unha falta reiterada dunha política de mantemento nos últimos anos”, explicou o portavoz municipal nacionalista.

Sinalou tamén que ao BNG lle preocupa ver o resultado das poucas obras de mantemento da rede viaria realizadas polo Goberno local do PP e “a auténtica chapuza que fixeron no Ensanche compostelán onde, de momento, foi peor o remedio que a enfermidade”.

Podes ver as IMAXES da situación do campus universario de Santiago de Compostela.

Rubén Cela lémbralle ao alcalde a promesa de arranxar as rúas e beirarrúas do campus universitario