Rubén Cela: “Tivo que ser a Xustiza quen puxera orde no PP de Santiago"

Rubén Cela: “Tivo que ser a Xustiza quen puxera orde no PP de Santiago"

O BNG demanda “tolerancia cero coa corrupción e coas malas prácticas”

stopco

Feijóo estirou os prazos para evitar que a cidadanía de Santiago puidera resolver esta crise coa convocatoria de eleccións anticipadas

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa logo de coñecer a condena de nove anos de inhabilitación por delito de prevaricación a sete membros da Xunta de Goberno local que acordaron pagar con fondos públicos a defensa doutro edil imputado na operación Pokemon que “o PP mantivo o peor Goberno local da historia democrática de Santiago de Compostela e foi a formación política que máis dano lle causou a esta cidade”. “Tivo que ser a Xustiza quen puxera orde contra a corrupción e as malas prácticas do PP”, engadiu.

“Santiago de Compostela atópase nunha situación límite por culpa da irresponsabilidade política e do mal facer do PP, que levou a ter a 10 dos 13 concelleiros e concelleiras do Goberno local imputados nalgunha das seis causas xudiciais abertas. Lembrou que o PP mantivo un ex-alcalde “que en tan só oito meses acumulou tres imputacións en tres causas xudiciais diferentes e a ter un alcalde substituto dobremente imputado e unha Xunta de Goberno procesada e sentada no banco de acusados que acabou condenada a nove anos de inhabilitación”.

Así, acusou de “irresponsábel” o Goberno por non asumir as responsabilidades políticas e da dirección do PP e do seu presidente Núñez Feijóo que, sistematicamente, mirou para outro sitio e actuou como se en Santiago non pasara nada. Así, culpou a Feijóo de “blindar nos seus postos” os imputados e procesados e afirmou que “tivo que ser a Xustiza quen puxera orde onde non quixo facelo o PP”.

O BNG estivo durante moito tempo con reivindicacións contra a corrupción nas institucións e na rúa “con campañas para esixir a dimisión inmediata de todos os cargos imputados por corrupción e por malas prácticas”.

Lembrou tamén Rubén Cela que o BNG reclamou a disolución da Corporación e a convocatoria de eleccións anticipadas “cando se podía facer e, intencionada e deliberadamente, Feijóo estirou todos os tempos para evitar que a cidadanía de Santiago puidera resolver a crise de Goberno local desta magnitude do único xeito posíbel en democracia: votando”.

Cando o BNG esixía a disolución da Corporación había unha posibilidade de resolver os problemas da cidade que era darlle a voz e o voto á veciñanza de Santiago, “coa estratexia deliberada de Feijóo hoxe non é posíbel”, afirmou, “e calquera solución agora é mala: sexa o recambio de edís que se teñen que apartar das súas responsabilidades ou sexa a creación dunha xestora que non escollería a veciñanza de Santiago”.

“Estamos nunha situación dobremente terríbel pola dobre irresponsabilidade do PP con Santiago de Compostela”, afirmou o portavoz municipal nacionalista.

O BNG reclamou, ademais, a dimisión da totalidade dos cargos imputados. Para Rubén Cela, “non só teñen que marchar as sete persoas condenadas senón que, como mínimo, deben facelo todas as persoas imputadas por casos de corrupción ou de prácticas especialmente graves na xestión que crean alarma social”. “O primeiro que tiña que presentar a dimisión é o alcalde de Santiago de Compostela, non pode seguir un día máis á fronte desta institución porque é un alcalde absolutamente deslexitimado, desprestixiado e sen capacidade de enderezar o rumbo da cidade”, indicou.

O BNG, insistiu Rubén Cela, demandou dende o primeiro momento “tolerancia cero coa corrupción e coas malas prácticas” e que de xeito inmediato os cargos imputados, sexan do partido que sexan, presenten “de xeito fulminante” a súa dimisión e, polo tanto, que se aparten das súas responsabilidades públicas.

Rubén Cela: “Tivo que ser a Xustiza quen puxera orde no PP de Santiago"