O único que está intoxicado é o Concello de Santiago polas malas prácticas do PP, non a veciñanza

O único que está intoxicado é o Concello de Santiago polas malas prácticas do PP, non a veciñanza

“Se a portavoz do Goberno non está de acordo co criterio maioritario da veciñanza de Galeras, debe rebatelo con argumentos e non verter descualificacións gratuítas”

“O BNG quere amosar todo o apoio, respaldo, respecto e solidariedade á reivindicación da veciñanza de Galeras”

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2014.- O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego, Rubén Cela, sobre as “desafortunadas declaracións” da portavoz do Goberno local, María Pardo, expresou que “o único que está intoxicado é o Concello de Santiago polas políticas do PP, polas súas malas prácticas e polas súas corruptelas”.

Así, explicou que “Pardo xa nos ten acostumados a estas declaracións desafortunadas, no seu día cando a xustiza actuaba, para ela era unha conspiración política no ámbito xudicial contra o PP de Santiago; cando o Colexio Oficial de Arquitectos cuestionou o emprazamento na praza de Galiza para un espazo infantil, para o PP era que esa valoración negativa estaba politizada; e agora di que os veciños e veciñas de Galeras están intoxicados, por reivindicar o seu dereito a estaren informados e por protestaren ante unha actuación que entenden que non é necesaria nin está xustificada”. “O único intoxicado en Santiago é este Concello por culpa do PP”, afirmou.

“O primeiro que ten que facer é respectar a súa opinión, os veciños e veciñas son maiores de idade e teñen criterio propio e opinión”, dixo. Emprazou, ademais, á portavoz do Goberno local a “respectar a opinión dos veciños e veciñas de Galeras”.

Indicou tamén que “se a portavoz do Goberno local non está de acordo co criterio maioritario da veciñanza de Galeras, debe rebatelo con argumentos e iso implica pór razóns enriba da mesa e non verter descualificacións gratuítas sobre as opinións contrarias á dela”.

O BNG quere amosar todo o apoio, respaldo, respecto e solidariedade á reivindicación da veciñanza de Galeras e de Compostela, cando entende que a resposta social é o único recurso que lle deixa este Goberno do PP para que escoite as súas demandas, explicou Rubén Cela.

Para Rubén Cela, houbo un evidente erro na comunicación municipal porque non é normal que ante unha actuación deste calado haxa veciños e veciñas que o saiban polos medios de comunicación e non tiveran ningunha información previa. Ademais, “non está suficientemente xustificado o interese xeral da obra no propio expediente de actuación, só resulta claro que hai unha empresa privada que sae beneficiada e por iso paga a obra”, expuxo.

O único que está intoxicado é o Concello de Santiago polas malas prácticas do PP, non a veciñanza