Vence responsabiliza a Feijóo da composición "a dedo" do Goberno de Santiago

Vence responsabiliza a Feijóo da composición "a dedo" do Goberno de Santiago

Vence cualificou de “impresentable” a situación dun PP que perdeu xa un alcalde e once concelleiros e que ten imputado ao propio rexedor

Santiago de Compostela, 9 xuño 2014.- O portavoz nacional, Xavier Vence, sinalou a Feijóo como responsable directo da situación que vive o Concello de Santiago por ter “obstruído” todas as opcións democráticas que daban solución a unha situación “que avergoña á cidadanía compostelá”, nomeadamente, a convocatoria anticipada de eleccións.

Vence considera “un ataque frontal ao máis elemental principio democrático” pretender conformar a case totalidade dun Goberno municipal “con persoas que non pasaron polas urnas” e considera que é Feijóo o responsable último da composición “a dedo” do novo Executivo local que esta mesma tarde presenta o aínda alcalde Angel Currás.

“Boa parte dos nomes que se barallan son funcionarios a soldo do PP en Santiago ou que depende da Consellería de Presidencia, polo tanto non é algo que o alcalde este facendo pola súa conta e risco en solitario, senón que é algo perfectamente orquestrado co amparo de Feijóo e Rueda”, denunciou.

Vence cualificou de “impresentable” a situación dun PP que perdeu xa un alcalde e once concelleiros e que ten imputado ao propio rexedor, polo que entende que Feijóo “ten que forzar a dimisión do señor Currás e darlle voz á cidadanía”.

O dirixente nacionalista lembrou que o Bloque “reclamou fai moito tempo a dimisión de todos os imputados para dar paso a unhas novas eleccións e resolver o problema pola vía democrática de darlle voz á cidadanía. E responsabilidade do PP, con Feijóo a fronte, o ter obstruído todas as opcións democráticas que había ata agora”, denunciou.

Vence responsabiliza a Feijóo da composición "a dedo" do Goberno de Santiago