A Xunta recoñece o deficiente mantemento dos centros educativos de Roxos e de Monte dos Postes

A Xunta recoñece o deficiente mantemento dos centros educativos de Roxos e de Monte dos Postes

A deputada do BNG Ana Pontón seguirá a reclamar a necesaria ampliación destes colexios, pese á negativa da Xunta que se escuda nos recortes orzamentarios

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014.- A deputada Ana Pontón defendeu na Comisión de Educación do Parlamento galego unha iniciativa do BNG para coñecer as actuacións previstas pola Xunta de Galiza para atender as demandas da comunidade educativa do CEIP de Roxos e do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela. O secretario de xeral de Educación, ademais de recoñecer o deficiente mantemento destes centros educativos por parte do Concello de Santiago, deixou patente a falta de compromiso da Xunta para a súa ampliación por mor dos recortes orzamentarios a pesar de existir proxecto e terreos para executar as obras.

Ana Pontón explicou na comisión que a mobilización da Asociación de Nais e Pais do Monte dos Postes foi determinante para visualizar os graves problemas que padece este centro en relación á limpeza, seguridade, iluminación e falta de mantemento, ademais da necesidade de incrementar o espazo educativo. “A Xunta debería preocuparse se chove nun colexio, aínda que o mantemento sexa competencia municipal, e asumir as responsabilidades en Educación”, afirmou. Pola súa parte, o secretario xeral de Educación admitiu que nunha visita técnica apreciouse que, coas chuvias dos dous últimos meses, se incrementaron as filtracións de auga, as deficiencias no selado das ventás e outros desperfectos motivados pola falta de limpeza das cubertas e dos canlóns, que lle corresponden ao Concello reparar.

Ante a negativa da Xunta a ampliar o CEIP de Roxos, que achacou aos recortes orzamentarios, entre outros motivos, a deputada Ana Pontón anunciou que o BNG seguirá a reclamar o cumprimento deste compromiso, tal como require a comunidade educativa, xa que nos últimos anos a matrícula sufriu un incremento notábel -pasou de 163 crianzas no curso 2006/07, ás 235 actuais- e mesmo ficaron nenos e nenas sen praza. Lembrou que no PXOM do Concello de Santiago existe un terreo lindeiro ao actual edificio do colexio de Roxos, previsto para ese uso, e só se precisa vontade da Xunta de Galiza para atender unha necesidade evidente deste centro, que xa presenta carencias de espazo coa matrícula actual e ten previsión de crecemento de poboación nos vindeiros anos.

A Xunta recoñece o deficiente mantemento dos centros educativos de Roxos e de Monte dos Postes