PLENO

O BNG propón crear o roteiro “Compostela, encontro dos camiños”, un percorrido circular para unir os tramos xa acondicionados

bng
bng
A proposta que trasladará ao Pleno inclúe a reedición de publicacións e a organización de visitas para dar a coñecer a riqueza patrimonial e ambiental
O BNG propón crear o roteiro “Compostela, encontro dos camiños”, un percorrido circular para unir os tramos xa acondicionados

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020.- O grupo municipal do BNG proporá no Pleno que o Concello inclúa nos Orzamentos de 2021 unha partida para a creación do roteiro “Compostela, encontro dos camiños” concibido como un percorrido circular que una os tramos xa acondicionados coa sinalización e mantemento adecuados para a súa difusión, ademais de reeditar as publicacións existentes e de organizar visitas guiadas, coas medidas de prevención necesarias para evitar o contaxio da covid-19.

Compostela é a cidade onde conflúen todos os camiños, que son utilizados por peregrinos e peregrinas como vía de acceso e poucas veces son aproveitados pola veciñanza e visitantes para as súas actividades de cultura, sendeirismo e lecer. Para iso, pódese completar unha senda circular que comunique os diferentes Camiños de Santiago xa existentes, cunha clara e sinxela sinalización que permita o acceso desde distintos puntos da cidade, para crear o roteiro “Compostela, encontro dos camiños”.

Esta senda pode ser considerada unha nova etapa e colofón final do Camiño de Santiago, que lles facilite a peregrinos e peregrinas gozar dun percorrido simbólico e real polas distintas vías históricas de entrada á nosa cidade. Desta maneira, aprovéitanse todas as intervencións xa realizadas nun proxecto global e integrador para divulgar e gozar do patrimonio ambiental, cultural e artístico descoñecido para unha parte importante da veciñanza e de visitantes. Ademais, isto responde ás novas necesidades de busca de espazos abertos derivados da prevención da covid-19.

Tanto peregrinos/as como turistas poderán contar con actividades que animen a pernoctar e alongar a súa estancia, ao tempo que santiagueses/as terán unha senda circular onde poder facer sendeirismo e deporte, socializar e gozar da natureza e do patrimonio. Trátase, por exemplo, de sinalizar desde o camiño na zona á beira da Colexiata de Sar o lavadoiro octogonal situado nas proximidades polo seu alto valor etnográfico para facilitar a súa chegada e, así, cada elemento que se queira destacar para enriquecer o coñecemento e a experiencia da visita; como a escaleira de Benlliure, o Castelo da Rocha, fontes, muíños, curtidorías e petróglifos, entre outros.

Ademais, partindo desta nova senda pode sinalizarse o acceso a outras rutas do concello que xa figuran na páxina web https://www.parquefluvialdesantiago.org/, como son a do río de Santa Lucía, a do castro de Vixoi, a da ponte Albar e a dos petróglifos de Villestro, entre outras.

É necesario ter en conta que o Concello de Santiago xa realizou un importante traballo para a recuperación destes camiños e para a súa difusión mediante visitas guiadas e distribución de folletos explicativos, que cómpre reeditar. Por último, considérase que esta intervención non precisa dun forte investimento, por estar xa feitas a maioría das sendas, centrándose na unión destas e na sinalización, xunto cunha campaña de promoción para dala a coñecer.

O BNG propón crear o roteiro “Compostela, encontro dos camiños”, un percorrido circular para unir os tramos xa acondicionados