O BNG reúnese con veciñanza das Fontiñas afectada pola decisión de instalar o mercado ambulante neste barrio

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartín
“O primeiro que ten que facer este Goberno local é  poñer por diante de todo a participación, o debate e o diálogo na procura dunha fórmula que sexa boa e beneficiosa para o conxunto da veciñanza”, afirma Goretti Sanmartín
O BNG reúnese con veciñanza das Fontiñas afectada pola decisión de instalar o mercado ambulante neste barrio

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reuniuse con representantes do barrio das Fontiñas que consideran inapropiada a decisión do Goberno local de instalar os sábados o mercado ambulante na rúa París sen ter en conta a opinión da veciñanza.

No encontro con Goretti Sanmartín participaron Maribel Cao e Agustín del Río, en representación deste colectivo de persoas afectadas. Deste xeito, escoitou as razóns polas que presidentas e presidentes de comunidades de veciñais de diferentes residenciais, que engloban arredor de 1000 vivendas e, aproximadamente, 3.000 veciños e veciñas, veñen de solicitarlle por escrito ao alcalde a paralización deste mercado e a proposta do seu desprazamento ao perímetro interior do centro comercial de Área Central.

“Non é a primeira vez que este Goberno municipal falta á verdade, que di que houbo diálogo e consenso, cando a realidade é que non houbo planificación, consenso nin acordo”, sinalou Goretti Sanmartín. “O primeiro que ten que facer este Goberno local é  poñer por diante de todo a participación, o debate e o diálogo na procura dunha fórmula que sexa boa e beneficiosa para o conxunto da veciñanza”, engadiu.

Este colectivo veciñal estima que este barrio nin conta coas condicións axeitadas para albergar este mercado nin o momento actual, en plena pandemia pola covid-19, parece o máis apropiado para tomar este tipo de decisións.

A iso súmanlle os problemas de aparcadoiro, a sobrecarga de tráfico, a redución da mobilidade dos residentes, o desvío de autobuses urbanos e a supresión de paradas, corte dunha rúa e redución do espazo de acceso ás vivendas, ademais da xeración de ruídos e outras molestias nunha rúa non deseñada para este tipo de comercio cando os veciños e veciñas se estabeleceron nela.

Tampouco concordan coa medida necesaria de verse na obriga de ter que retirar máis de 150 vehículos das prazas de aparcadoiro todos os sábados ou venres pola noite, para que poidan bloquear toda a rúa e cortala ao tráfico. Deste xeito, este colectivo propón que se o Concello pretende realizar o mercado coa intención de revitalizar o centro comercial de Área Central, estas instalacións dispoñen dun perímetro interior cuberto para uso comercial que pode ser un lugar axeitado para acoller este mercado.

O BNG reúnese con veciñanza das Fontiñas afectada pola decisión de instalar o mercado ambulante neste barrio