O BNG advirte que a Xunta agocha o idioma galego na rotulación do Centro de Acollida a Peregrinos

O BNG advirte que a Xunta agocha o idioma galego na rotulación do Centro de Acollida a Peregrinos

Insta ao Goberno de Feijóo a cambiar a sinalización exterior deste espazo público rehabilitado, que se inaugura o luns, e a desistir de actuacións españolizadoras en Santiago de Compostela

Este centro debera servir de escaparate para darlle a coñecer ás persoas que peregrinan a Compostela que Galiza conta cun idioma milenario

Acusa o Goberno de Feijóo de traballar en contra do impulso da lingua galega

centro01peqSantiago de Compostela, 24 de outubro de 2015.- O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera inaceptábel que o Centro Internacional de Acollida a Peregrinos, que se inaugura o vindeiro luns en Santiago de Compostela, exclúa o galego na rotulación exterior, máxime cando a rehabilitación foi realizada pola Xunta.

Para o BNG, é aberrante a falta de utilización do idioma propio de Galiza, por parte da Xunta, neste edificio rehabilitado do “Asilo de Carretas” que foi financiado pola Consellaría de Turismo mediante un acordo asinado coa Fundación Catedral.

Así, acusa o Goberno de Feijóo de traballar en contra do impulso da lingua galega con actuacións coma esta, nun centro que servirá para ofertar un espazo de benvida a peregrinos e peregrinas que está rotulado exclusivamente en español.

centro02peqEste espazo que se anunciou como de “servizos plurilingües” está situado na esquina da rúa Carretas coa rúa de Domingo García-Sabell e contará coa Oficina do Peregrino, onde poderán recoller as compostelas; salón de actos; área de información turística; biblioteca e centro de documentación xacobeo, entre outros.

A formación nacionalista en Raxoi estima que, por estas características, este centro constitúe unha excelente oportunidade que debera servir de escaparate para darlle a coñecer ás persoas que peregrinan a Compostela que Galiza conta cun idioma milenario e con millóns de falantes no mundo.

Por este motivo, o BNG insta á Xunta a cambiar a rotulación exterior deste centro e a desistir destas actuacións españolizadoras en Santiago de Compostela, que engrosan a listaxe de agresións que sofre o idioma galego co fin de convertelo en lingua minorizada, posto que a Administración galega ten o deber de promocionalo de acordo coas funcións que lle corresponden legalmente.