AMBIENTAL
O Pleno de Santiago debaterá unha moción sobre o rexeitamento ao proxecto da fábrica de celulosa Altri
BNG e CA rexistraron unha moción conxunta para solicitarlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2024.- O Concello de Santiago debaterá, no Pleno ordinario de abril, unha moción conxunta do Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta para manifestar o rexeitamento ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri, ademais de reclamarlle á Xunta un informe negativo a este proxecto, o fomento de actividades sustentábeis que xeren emprego e un plan para a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade.
A Xunta do PP e a empresa portuguesa Altri promoven a construción dunha macrofactoría de produción de pasta de celulosa no concello de Palas de Rei. Este proxecto tramitouse con absoluta falta de transparencia e con enganos, xa que durante máis de dous anos se publicitou unha factoría circular de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación.
Trátase dunha actividade industrial cun forte impacto no territorio e na paisaxe, no ambiente, no patrimonio cultural, nas actividades socioeconómicas, no río Ulla, na ría de Arousa e no modelo forestal do país.
Ademais, a implantación desta factoría terá un impacto ambiental crítico nunha zona que foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 e que alberga hábitats e especies de alto valor ambiental e que están en risco de extinción. As emisións de gases contaminantes tamén terán unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante.
Na moción tamén se cuestiona o impacto de Altri no ámbito de protección do BIC Camiño de Santiago e noutros bens culturais da contorna.
Esta factoría prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa.
Outro dos puntos negativos é nas actividades económicas e no emprego na contorna, que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial, ademais de condicionar, de maneira decisiva, a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega.