45% DA SUPERFICIE RESIDENCIAL SERÁ VIVENDA PROTEXIDA E 900M2 UN CENTRO DE DÍA

O goberno compostelán logra acordo coa SAREB para a parcela do antigo Peleteiro

Goretti Sanmartín e Iago Lestegas na rolda de prensa sobre a Parcela de Peleteiro
Goretti Sanmartín e Iago Lestegas na rolda de prensa sobre a Parcela de Peleteiro
Goretti Sanmartín: "É unha magnífica noticia para o conxunto da veciñanza de Santiago" neste "espazo no corazón do Ensanche que todo o mundo quere ver completado e que empece a súa transformación".
 
Iago Lestegás: "Conseguimos introducir unha reserva moi significativa de vivenda protexida no corazón da cidade".

O goberno compostelán logra acordo coa SAREB para a parcela do antigo Peleteiro

A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, deron conta este xoves en rolda de prensa da conformidade da SAREB, propietaria dos terreos, dos detalles referidos á modificación do planeamento para o espazo ocupado polo antigo colexio Peleteiro no ensanche de Compostela. Un acordo que Goretti Sanmartín cualificou de “magnífica noticia para o conxunto da veciñanza de Santiago” e que deberá levarse a comisión informativa o luns e se someterá a debate e votación no pleno do vindeiro xoves 27 de febreiro e para o que a alcaldesa agarda o apoio da corporación, á que a alcaldesa pediu “altura de miras para que sexa unha solución que conte co apoio unánime”. Así ponse rumbo cara a consecución dunha das propostas fundamentais do goberno municipal ao acadar a alcaldía, e que viña sendo unha problemática históricamente alongada no tempo por gobernos anteriores da cidade

Goretti Sanmartín destacou o traballo intenso e as negociacións técnicas e políticas durante os últimos meses que permitiron definir esta proposta, agradecendo o gran traballo do departamento de Urbanismo e destacando a reunión que xunto ao concelleiro Iago Lestegás tivera en Madrid hai un ano co ministro de Economía, Carlos Cuerpo, dentro destas negociacións. O acordo coa SAREB, que traspasará a propiedade á nova empresa de vivenda pública da Administración do Estado, presenta unha proposta que Sanmartín valora como “moi positiva” e “acorde coas necesidades da veciñanza”. Neste senso, a rexedora confirmou que esta proposta garante en liñas xerais cuestións que foron unha reivindicación constante por parte do tecido social e asociativo da cidade, polo que “é unha magnífica noticia para o conxunto da veciñanza de Santiago”, “temos un espazo no corazón do Ensanche que todo o mundo quere ver completado e que empece a súa transformación. Cremos que acabamos de conseguir un punto moi importante neste proceso”.

Así, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou que a proposta estabelece que “polo menos o 45% da superficie de uso residencial sexa para vivenda protexida”, reducindo o uso comercial e "mantendo os 900 metros cadrados de equipamento comunitario pensado para un centro de día, reservando 1395 m2 de espazo público e un mínimo de 400 prazas de aparcamento”. Isto derívase da importancia que desde o goberno municipal se está a dar á vivenda, tal e como se pode ver no proxecto de orzamentos municipais aprobados esta semana en Xunta de Goberno, nos que se fai unha aposta clara polas políticas neste ámbito, coa incorporación 4,2 millóns euros para adquirir e rehabilitar vivenda, ademais da declaración de Compostela como zona de mercado residencial tensionado promovida polo departamento de Urbanismo e Vivenda. Asemade, vén de constituírse unha mesa sectorial, con preto dunha vintena de entidades e representantes veciñais, onde se deu conta da diagnose feita polo Grupo de Estudos do Territorio da Universidade da Coruña e do borrador do plan de medidas correctoras. Un encontro no que se recolleron “aquelas achegas e cuestións que as distintas entidades quixeron facer”.

 Novidades da proposta

Iago Lestegás explicou que “conseguimos reproducir o modelo do Ensanche; conseguimos introducir unha reserva moi significativa de vivenda protexida no corazón da cidade, porque nós consideramos que a vivenda protexida non debe estar exclusivamente en novos desenvolvementos urbanísticos na periferia, ten que habela en todos os barrios; e conseguimos un espazo público de calidade e unhas edificacións mellor integradas no seu contexto”, xa que a proposta de ordenación busca reproducir a tipoloxía propia do Ensanche compostelán, caracterizada pola convivencia entre usos comerciais en planta baixa e vivendas en plantas superiores, mais entre as cuestións destacábeis está a redución significativa da edificabilidade para uso lucrativo e comercial (de 23.500 m2 no planeamento vixente a 19.000 m2 na proposta), mantendo os 900 m2 para equipamento comunitario e os 1.395 m2 de espazo público.

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda destacou tres diferenzas fundamentais fronte á proposta que se someteu ao pleno en 2022: "pasar dun 20% a un mínimo do 45% de vivenda protexida; ampliar a apertura á rúa de República de Arxentina" (de 20 metros pásase a 34 metros, xerando unha entrada gradual ao espazo público dende esa rúa), mantendo a de San Pedro de Mezonzo (48 metros); e a conformidade da Sareb con esta proposta, “unha solución moi positiva para estes terreos que levan moitos anos sen uso”.

O goberno compostelán logra acordo coa SAREB para a parcela do antigo Peleteiro