BNG

O BNG organiza un acto sobre o xenocidio en Palestina e os 75 anos da OTAN este mércores no centro sociocultural de Conxo

Palestina
Palestina

Intervirán Goretti Sanmartín, Neal Baxter e Bieito Lobeira

O BNG organiza un acto sobre o xenocidio en Palestina e os 75 anos da OTAN este mércores no centro sociocultural de Conxo

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024.- O BNG de Santiago organiza unha charla sobre a situación de Palestina coa participación de Goretti Sanmartín; Neal Baxter, coordinador do grupo de traballo internacional do Consello Nacional do BNG; e Bieito Lobeira, candidato ao Parlamento europeo. Será este mércores 15 de maio ás 20.00h no centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo.

Ante o masacre que está a sufrir Palestina, desde o BNG demándase unha actuación máis activa e contundente contra a complicidade da UE co Estado de Israel co obxectivo de deter a escalada de violencia e esixir o cesamento dos ataques a Gaza e Cisxordania para rematar co xenocidio. Ademais, tamén se lle esixe ao Goberno do Estado que traballe a nivel internacional por un acordo de paz duradeira, cortar o comercio de armas con Israel, levar a Netanyahu ante a Corte Penal Internacional e recoñecer o Estado palestino.

O BNG posiciónase en contra da aprobación, en Consello de Ministros, dunha partida dotada de 1.129 millóns de euros destinada a gasto militar e, sobre todo, á adquisición de novo armamento e insta ao Goberno do Estado a abandonar as políticas belicistas e apostar pola vía diplomática a través do diálogo, a negociación e o acordo como única forma real de garantir a paz.

Esa aprobación orzamentaria realizouse en relación coa esixencia da OTAN de aumentar o gasto militar a 2% do PIB de cada estado membro. Nos últimos orzamentos do Goberno do Estado recóllese unha programación plurianual, entre 2023 e 2029, que suma 17.000 millóns de euros en gasto militar e adquisición de novo armamento.

Este aumento de gasto militar vai traer consigo máis recortes en servizos públicos como sanidade, educación e dependencia, entre outros.

O BNG organiza un acto sobre o xenocidio en Palestina e os 75 anos da OTAN este mércores no centro sociocultural de Conxo