AMBIENTE
O BNG organiza un acto informativo sobre os efectos da fábrica de celulosa de Altri
Intervirán Goretti Sanmartín, Froilán Pallín, Iria Carreira e Ana Miranda
Será este martes 30 de abril ás 20.00h no Centro Sociocultural do Ensanche, co título “Queremos vida, queremos futuro. Altri non!”
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024.- O BNG organiza un acto informativo sobre as consecuencias de implantar a fábrica de Altri en Palas de Rei, no relativo á protección ambiental, produtiva e do patrimonio. Será este martes 30 de abril ás 20.00h no Centro Sociocultural do Ensanche, co título “Queremos vida, queremos futuro. Altri non!”, e contará coas intervencións de Goretti Sanmartín; Froilán Pallín, secretario xeral de Adega; Iria Carreira, deputada no Parlamento galego; e Ana Miranda, eurodeputada e candidata do BNG nas eleccións do 9 de xuño ao Parlamento europeo.
Para o BNG, o proxecto de Altri é un engano ao pobo galego, xa que non supón a posta en marcha dunha fábrica de fibras téxtiles como anunciara o PP, senón unha macrocelulosa contaminante que rexeitaron en Portugal. Este proxecto conta cunha grande oposición social. Rexistráronse arredor de 20.000 alegacións contra esta planta de celulosa de Altri e Greenalia, tanto de colectivos e entidades como de persoas sensibilizadas polo engano que supón esta factoría.
Como vén de anunciar hai uns días a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propón que os 250 millóns de euros que a Xunta quere entregarlle a Altri para desenvolver esta factoría de celulosa contaminante se destinen á posta en marcha dun Plan Ulloa-Ulla-Arousa para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico destas comarcas, as que estarían afectadas polo proxecto desa multinacional.
Esta instalación requirirá 2,4 millóns de toneladas de eucaliptos, un terzo de todo o que se corta en Galiza nun ano, cunha potencia de consumo eléctrico de 110 megavatios, un terzo da potencia de Alcoa. Con Altri increméntase, así, a aposta pola eucaliptización do territorio para manter esta industria, o que leva á perda de biodiversidade e incremento do risco de incendios ao tratarse de especies pirófitas, que sobreviven despois do lume.
Ademais de pór en risco o modo de vida e centos de empresas, este proxecto de Altri tamén pode alterar o patrimonio e o propio Camiño de Santiago.