O BNG seguirá co "acoso e derrubo contra a corrupción” e a prol da rexeneración democrática

O BNG seguirá co "acoso e derrubo contra a corrupción” e a prol da rexeneración democrática

O PP é responsábel de que Currás siga na Alcaldía de Santiago e de permitir o “esperpento de que esta cidade estea gobernada por dúas persoas”

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, valorou a preguntas de xornalistas a crise de Goberno local do PP e afirmou que “Currás volveu enrocarse na súa torre de marfil e facer ouvidos xordos ás demandas do BNG e da maioría da cidadanía de Compostela para que marche canto antes do Concello”. Referiuse tamén ás acusacións da campaña de “acoso e derrubo” que segundo o alcalde emprendeu o BNG e anunciou que a formación nacionalista seguirá coa campaña de “acoso e derrubo contra a corrupción e as malas prácticas e a favor da rexeneración democrática neste Concello”.

“Asistimos ás últimas bocexadas dun alcalde agónico que segue a primar a súa opinión e interese particular sobre o interese xeral da veciñanza de Compostela”, sinalou, “e asistimos a unha película patética na que o único responsábel e o PP”.

Así, cuestionou que se chegue a este extremo coa lista encabezada por Conde Roa “cando o PP sabía o que era e o que representaba esa candidatura”. Culpou tamén o PP como único responsábel de mirar para outro lado nas seis causas xudiciais nas que está inmerso este Concello “a pesar de chegar a ter a 10 de 13 concelleiros imputados nesas causas” e tamén de “furtarlle á cidadanía o seu dereito de poder decidir co seu voto nunha eleccións anticipadas como demandou o BNG”.

Currás válese agora dunha físgoa legal estabelecida na normativa electoral do ano 2003 “que se fixo para casos excepcionais para que non se viran abocados á disolución de corporación e puideran nomear concelleiros non electos no caso de ilegalización de partidos políticos”, explicou.

Unha crise de lexitimidade como a deste grupo de goberno non se vai solucionar a base de que o alcalde, dobremente imputado, nomee a dedo concelleiros que non saíron polo referendo popular nas urnas. ”. O PP é responsábel de que Currás siga na Alcaldía de Santiago e de facer vivir o “esperpento de que esta cidade estea gobernada por dúas persoas”.

O BNG seguirá co "acoso e derrubo contra a corrupción” e a prol da rexeneración democrática