O Goberno local debe velar polos intereses da veciñanza e non da empresa de recollida de lixo

O Goberno local debe velar polos intereses da veciñanza e non da empresa de recollida de lixo

Aludiu aos problemas nos que embocaron “os supostos acordos verbais” con empresas concesionarias adoptados polo PP nos últimos anos

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre o consentimento do grupo de Goberno local co incumprimento de contrato da empresa concesionaria do servizo da recollida do lixo, indicou que os supostos “encargos verbais que faga o concelleiro da área fóra do contrato non son problema da veciñanza”. “Faría mellor en centrarse en cumprir o actual prego antes de estar preocupado pola redacción do seguinte”, engadiu.

Así, indicou que son “unhas declaracións sorprendentes, tendo en conta que son dun cargo público que forma parte do Goberno local, que recoñece con lixeireza que é coñecedor de que unha empresa concesionaria incumpre o prego de condicións; incluso xuridicamente se lle podería poñer outro nome a esta actitude”.

Aludiu, ademais, aos problemas nos que embocaron “os supostos acordos verbais” con empresas concesionarias adoptados polo PP nestes últimos anos e “polo ben da cidade, o Concello non ten que velar polos intereses da empresa concesionaria senón polos intereses colectivos da veciñanza”, expresou, “que quere que os colectores estean limpos e se hai unha empresa que cobra por ese traballo debe cumprir coas súas obrigas, porque hai moitos lugares onde non se limpan dende hai moito tempo”.

Lembrou que o BNG fixo ese requirimento de información en base ás queixas recibidas nos ámbitos urbano e rural, que dan conta que é un problema xeralizado e non puntual, a consecuencia de que non se cumpre cos ratios mínimos que marca o prego técnico da contrata sobre e limpeza interior e exterior dos contedores de lixo. Se o Goberno local detecta este incumprimento, “o que ten que facer é tomar as medida oportunas e facerlle ver á concesionaria que ten que corrixir esa deficiencia e en caso de que prosiga sen cumprir tomar as medidas que lle permita a propia lei”.

A falta de limpeza dos contedores de lixo pode constituír tamén un problema de salubridade pública e de imaxe, pois moitos puntos onde a limpeza é mínima son zonas de entrada de visitantes e noutros poden supoñer un problema de hixiene e de saúde pública e, nestes, casos, hai que obrigar a cumprir o escrito nos contratos, afirmou.

O BNG considera que os pregos dos contratos “están para cumprilos e, se se detecta que existen deficiencias, a función do grupo de Goberno é actuar en consecuencia”. Rubén Cela indicou tamén non é a primeira vez que se detecta un incumprimento dun prego de condicións por parte dunha empresa concesionaria e que recentemente se abriu unha investigación e un expediente sancionador a unha delas.

O Goberno local debe velar polos intereses da veciñanza e non da empresa de recollida de lixo