Necesaria rebelión da cidadanía, ante as prácticas corruptas do PP e do PSOE desveladas na Pokemon

Necesaria rebelión da cidadanía, ante as prácticas corruptas do PP e do PSOE desveladas na Pokemon

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, insta á cidadanía galega a rebelarse contra as prácticas corruptas do PP e PSOE nos concellos de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense, que revela o que se coñece do sumario da trama Pokemon.

“E tal a magnitude do que vai agromando nos sumarios abertos, Gürtel, Bárcenas, Pokemon, Pikachu, -só o Concello de Santiago ten abertos cinco sumarios por presuntos casos de corrupción-, que é necesario que a cidadanía se rebele ante unha forma de gobernar corrupta, que estraga os nosos recursos e os pon a disposición de empresas beneficiarias dos servizos públicos privatizados”, salienta Vence.

O dirixente nacionalista fai fincapé en que a privatización de servizos é a clave, xunto coa inmoralidade amosada polos responsables políticos populares e socialistas, desta trama de corrupción, que se tece “a través de contratos amañados con empresas coas que hai relacións corruptas de PP e PSOE, que establecen redes clientelares e de financiamento ilegal deses partidos a través desas concesións fraudulentas”.

“Confiamos que antes das eleccións municipais á cidadanía se rebela para devolverlle a dignidade ás institucións e a democracia, e porque non se merece soportar máis esta imaxe de podremia absoluta”, alegou Vence, quen fixo referencia “mesmo á persecución de persoas contratadas, como ocorre no Concello de Santiago, cun concelleiro de Deportes que se permite o luxo de esixirlle a unha empresa a expulsión dunha persoa porque é familiar dun dirixente sindical”.

“Este é o tipo de comportamento mafioso que se reflexa nas conversas recollidas no sumario”, resaltou Vence, o que motiva que o BNG esixa a dimisión inmediata de todos os responsables políticos do PP e PSOE implicados, máis aló dos tempos da xustiza e do obvio respecto á presunción de inocencia, que non pode servir como escudo para non asumir responsabilidades políticas.

Necesaria rebelión da cidadanía, ante as prácticas corruptas do PP e do PSOE desveladas na Pokemon