O PP rexeita as alegacións do BNG para incluír un Plan de Emprego nos Orzamentos 2015

O PP rexeita as alegacións do BNG para incluír un Plan de Emprego nos Orzamentos 2015

O BNG vota en contra das contas municipais ao non detraer 3 millóns de euros de “propaganda, protocolo e gastos diversos” para investilos en “protección social, creación de emprego e dereitos laborais”

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego votou en contra da proposta de Orzamentos municipais elaborada polo Goberno local do PP para 2015 ao ser desbotadas as alegacións presentadas, que propuñan detraer máis de 3 millóns de euros de “partidas de propaganda, protocolo e gastos diversos” para investilas en “protección social, creación de emprego e restabelecemento dos dereitos laborais do persoal municipal”. Rubén Cela destacou a “orientación de ferramenta de propaganda preelectoral” destas contas do alcalde Agustín Hernández.

O portavoz nacionalista cualificou que “moi reducida” a partida económica destinada á chamada “renda social” que se incorpora nestas contas municipais, tendo en conta as máis de 22.000 persoas en risco de exclusión social e as 4.000 que sofren pobreza extrema en Santiago de Compostela. O PP rexeitou a ampliación dos 600.000 euros iniciais aos 1,5 millóns para a “renda social”, que propuxo o BNG nas alegacións.

“No Bloque Nacionalista Galego, consideramos que a política social do Concello non pode pivotar na colaboración con accións caritativas de diferentes organizacións non gobernamentais, non é un problema de ser máis ou menos caritativos, é unha cuestión de dereitos e de xustiza social”, afirmou Rubén Cela.

Unha das principais medidas do Goberno municipal de Santiago en 2015 debera ser “o combate do desemprego, mediante a execución dun auténtico plan de medidas urxentes de promoción do emprego na nosa cidade, dotado con 1,7 millóns de euros, consensuado cos principais axentes sociais: sindicatos, empresarios, comerciantes, Universidade e institucións públicas”, explicou. A priorización da creación de emprego nas contas municipais foi tamén desbotada polo PP.

Ademais, o BNG defendeu o restabelecemento dos dereitos perdidos polo persoal municipal, pois estes Orzamentos “non contemplan a dotación económica precisa para facerlle fronte aos compromisos contraídos polo Concello cos seus traballadores e traballadoras a través do Acordo Regulador e Convenio Colectivo”. Para iso, propuxo a eliminación da duplicidade de gasto que supón o mantemento no orzamento das prazas de interventor, secretario e as novas prazas de habilitados estatais denominadas “secretario de apoio” e “interventor de apoio”, o que foi posto de manifesto e sentenciado como ilegal por sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O BNG reclamou tamén a inclusión dunha partida orzamentaria na que se recollan os incentivos á xubilación para o exercicio 2015 e a garantía da dispoñibilidade orzamentaria precisa para o cumprimento do Convenio Colectivo cos traballadores e traballadoras do Concello de Santiago, propostas todas elas rexeitadas polo grupo municipal do PP.

O PP rexeita as alegacións do BNG para incluír un Plan de Emprego nos Orzamentos 2015