É o terceiro ano que o PP incumpre as súas promesas dos prazos dos orzamentos municipais

É o terceiro ano que o PP incumpre as súas promesas dos prazos dos orzamentos municipais

O BNG lembra que aínda non se responderon as alegacións ás ordenanzas fiscais aprobadas en decembro

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2014.- O portavoz do BNG en Raxoi, sobre a presentación dos orzamentos municipais para 2014, afirmou que agarda que sexa “a definitiva e que nesta semana se convoque a Comisión de Facenda e que Santiago de Compostela poida ter o antes posíbel as contas aprobadas”.

“Non era sen tempo, se atendemos aos reiterados anuncios do propio alcalde durante todo o exercicio pasado de que o orzamento de 2014 iniciaría a súa tramitación en setembro e estaría aprobado si ou si antes do 31 de decembro de 2013”, explicou. “Evidentemente iso non foi así e este é o terceiro ano que incumpre a normativa e as súas propias promesas, é a terceira oportunidade de sacar adiante un orzamento e a terceira vez que non se aproba en tempo e forma”, agregou.

Para o BNG, non é fundamental que o orzamento se aprobe 15 días antes ou despois, “o fundamental é o seu contido”. Aínda que o feito de que se aprobaran os dous anteriores en xullo e agosto non é indiferente, pois iso leva parello consecuencias no funcionamento ordinario no Concello, con multitude de modificacións de crédito e problemas para pagar determinados servizos, explicou.

“Este atraso na aprobación mostra a hipocrisía e a dobre vara de medir do PP cando está na oposición e no Goberno”, afirmou, “a concelleira Cecilia Sierra en 2010 pedía a dimisión da titular de Facenda naquela altura por non aprobar en tempo e forma o orzamento e mesmo dicía que era absolutamente inxustificábel”.

Fixo mención a que “o PP volverá dicir que son uns orzamentos sociais e para a creación de emprego, como en 2012 e 2013, e o resultado práctico da execución distou moito daqueles titulares”.

Sinalou ademais que o BNG aínda non recibiu a documentación dos Orzamentos municipais para 2014 e, como grupo da oposición, vai contribuír a que sexan “os mellores orzamentos posíbeis” coa introdución de propostas que estime oportunas.

Rubén Cela emprazou a Cecilia Sierra a explicar se é conforme á lei que aínda non se dese resposta ás alegacións presentadas polos grupos políticos, asociacións e particulares ás ordenanzas fiscais, cando saíron publicadas o 26 de decembro no BOP. “No BNG agardamos que alegacións que presenten aos orzamentos municipais corran mellor sorte que as das ordenanzas fiscais”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.

É o terceiro ano que o PP incumpre as súas promesas dos prazos dos orzamentos municipais