PLENO

O BNG reclama un plan de choque para axilizar a tramitación de licenzas de Urbanismo

Ese atraso “intolerábel e inxustificábel” provoca gravísimos prexuízos á veciñanza de Santiago de Compostela

O BNG reclama un plan de choque para axilizar a tramitación de licenzas de Urbanismo

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago de Compostela, Rubén Cela, anunciou unha iniciativa que levará a Pleno consistente nun plan de choque para contribuír a solucionar un dos principais problemas que ten o concello: a demora no tempo de tramitación das licenzas de obra e actividade.

Ese atraso “intolerábel e inxustificábel que teñen as tramitacións de licenzas provoca gravísimos prexuízos á veciñanza de Santiago de Compostela”, como pago de alugueiros por vivendas nas que non poden habitar, alugueiros por locais onde non poden iniciar a actividade económica, empresas que non poden cumprir cos prazos de entrega das obras, perda de axudas públicas e créditos e avais bancarios, problemas para arquitectos, construtores, empresas de subministracións... “Nos últimos tempos, lonxe de mellorar a situación tense agravado significativamente e isto crea frustración na veciñanza, perda de diñeiro e de saúde”, explicou.

“Non hai ningún tema, no grupo municipal do BNG, do que teñamos tantas queixas e veña a xente tan desesperada como o dos atrasos nas licenzas municipais”, dixo, por iso se debe “crear unha comisión mixta de técnicos municipais, responsábeis políticos e do propio sector” para atallar o problema.

Ademais, reclamará unha reestruturación do cadro de persoal, da arquitectura interna de funcionamento do concello e, nomeadamente, do Departamento de Urbanismo para reforzar as súas funcións. Xa en novembro de 2016, o alcalde comprometérase co persoal municipal a unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que nunca chegou, sinalou.

Para Rubén Cela, a solución transitoria pasa polas “contratacións temporais, pois a lei permite que por acumulación de tarefas se xustifiquen para sacar adiante ese traballo atrasado e se poidan poñer ao día as licenzas”.

Reclamou tamén un estudo de tempos na tramitación, nas súas diferentes modalidades, para saber os prazos reais, detectar os principais problemas e buscarlles solución. Demandou ademais unha reestruturación urxente e inmediata no relativo á inspección, pois dende a entrada en vigor da “declaración responsábel”, un trámite abreviado da Lei de Emprendemento, non se realizou unha adecuación das funcións e carga de traballo do persoal asignado a esas tarefas de xeito acaído.

Outro dos puntos pasa pola mellora da comunicación entre administración e veciñanza, “con información clara e accesíbel, no relativo ás especifidades técnicas para coñecer o proceso, as fases e os prazos para facer a tramitación”.

O BNG reclama un plan de choque para axilizar a tramitación de licenzas de Urbanismo