ACTO PÚBLICO

Ana Pontón mantén este xoves un encontro coa mocidade onde dará as claves para conseguir o autogoberno do pobo galego

cartaz
cartaz

O acto, organizado por Galiza Nova, será o xoves ás 18:00 horas na facultade de Filosofía (praza de Mazarelos)

Ana Pontón mantén este xoves un encontro coa mocidade onde dará as claves para conseguir o autogoberno do pobo galego

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2017.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, participan este xoves nun acto para presentar as ‘Bases democráticas para unha nova Galiza’, onde explicarán as claves para conseguir o autogoberno do pobo galego. Este evento aberto ao público será o xoves ás 18:00 horas na facultade de Filosofía.

Estas bases democráticas son unha proposta política para superar o actual marco da Constitución e do Estatuto que poden servir para finiquitar o réxime esgotado e fracasado do 78, co fin de dotarse das ferramentas necesarias para darlles aos galegos e ás galegas unha vida mellor.

É un momento excepcional e Galiza non pode baixarse do tren das nacións porque faría retroceder e perder oportunidades como país e só agudizará problemas como a precariedade laboral, paro, emigración, despoboamento ou desmantelamento dos sectores produtivos, segundo explicarán no acto.

As bases democráticas estabelecen que Galiza é unha nación onde a soberanía reside no pobo galego, para dispoñer de pleno autogoberno nos ámbitos político, económico e  xudicial. Esta proposta nacionalista quere sentar as bases para conseguir o progreso e benestar do pobo galego, nunha democracia participativa e avanzada e con máis dereitos individuais e colectivos.