SANIDADE

Apróbase a moción conxunta de BNG, CA e PSOE para apoiar a manifestación en defensa da sanidade do próximo domingo

Míriam Louzao Fernández
Míriam Louzao Fernández

A portavoz municipal do BNG, Míriam Louzao, lembra que hai case 10.000 persoas esperando por unha cirurxía na área sanitaria Santiago-O Barbanza segundo os últimos datos publicados

Apróbase a moción conxunta de BNG, CA e PSOE para apoiar a manifestación en defensa da sanidade do próximo domingo

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024.- O grupo municipal do BNG, xunto cos de CA e PSOE, defendeu no Pleno ordinario de xaneiro unha moción conxunta para apoiar a manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública prevista para o domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa de 13 medidas urxentes para salvar a sanidade pública galega. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e o PP votou en contra.

Segundo explicou a portavoz municipal do BNG, Míriam Louzao, “os últimos datos publicados de lista de agarda que son de 30 xuño de 2023, na área de Santiago-O Barbanza hai case 10.000 persoas esperando por unha cirurxía, case 29.000 agardando por unha consulta e máis de 17.000 por unha proba diagnóstica; é un colapso insostible da sanidade pública”. Perdéronse nos últimos anos camas hospitalarias, hai 500 camas menos nos hospitais galegos desde que o PP goberna na Xunta e o informe do Consello de Contas concluíu que non se logra unha resposta correcta das ambulancias en condicións de equidade en todo o territorio e en 198 concellos os tempos de resposta están por encima do máximo establecido”, engadiu. “Este desastre sanitario é resposabilidade do PP e é un plan claramente orquestrado que ten un único beneficiario: a sanidade privada”, incidiu.

A moción fai referencia ao desmantelamento da sanidade pública por parte do Goberno do PP na Xunta nos últimos anos no relativo aos centros de saúde e PACs; á substitución das consultas telefónicas en lugar de presenciais; á masificación dos centros, á carencia de servizo de pediatría e de recursos humanos, ademais das listas de espera para especialistas e da falta de camas hospitalarias.

O texto da iniciativa recolle que é necesaria unha gran mobilización social e profesional para cambiar esta situación aberrante e inaceptábel, que culmine as manifestacións convocadas nos últimos meses en decenas de vilas e cidades como protesta polo abandono asistencial e a falta de recursos que pon en risco permanente a saúde da poboación.

Apróbase a moción conxunta de BNG, CA e PSOE para apoiar a manifestación en defensa da sanidade do próximo domingo