Ana Pontón pregunta no Parlamento polo colapso de urxencias no CHUS e esixe máis recursos sanitarios

Ana Pontón pregunta no Parlamento polo colapso de urxencias no CHUS e esixe máis recursos sanitarios

O BNG anima a participar na concentración deste xoves ás 20:00 horas no Toural convocada por SOS Sanidade Pública

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2015.- A deputada do BNG Ana Pontón rexistrou unha batería de preguntas no Parlamento destinadas a coñecer a valoración que fai a Xunta de Galiza do impacto dos recortes na área sanitaria de Santiago de Compostela. Referiuse así ao peche de camas hospitalarias, paralización das melloras de atención primaria, colapso das urxencias, problemas no acceso aos tratamentos e incremento das listas de espera no CHUS, entre outros aspectos dos que advirte a Plataforma SOS Sanidade Pública que convocou unha concentración para este xoves ás 20:00 horas no Toural.

“Os recortes e privatizacións provocan un acceso desigual á sanidade e un empeoramento da saúde das persoas”, explicou Ana Pontón. Ademais, a deputada nacionalista insta á Xunta a solucionar os problemas do colapso das urxencias hospitalarias no CHUS e a dotalo de “máis recursos técnicos e humanos” para que poidan ofrecer un servizo público de calidade, pois “a saúde é un dereito humano fundamental e non se pode facer negocio coa saúde e a vida das persoas”, afirmou.

Coa chegada de Feijóo á Xunta, o PP iniciou unha campaña de recortes, de desmantelamento e de privatizacións da sanidade pública. Segundo os datos da Plataforma SOS Sanidade Pública, o recorte do orzamento sanitario en Galiza entre 2009 e 2014 foi do 12%, o que supuxo unha perda total de 460 millóns de euros; eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas hospitalarias. Mentres, o 49% do orzamento sanitario foi parar ao sector privado, e só o 7% foi para investimentos e funcionamento dos centros públicos.

A Atención Primaria sufriu un recorte de 190 millóns de euros (se se inclúe o gasto farmacéutico extrahospitalario) e de 33 millóns (sen a farmacia). Están a desmantelar as Áreas Sanitarias para crear unha Área Única que abranga todo o territorio galego coa finalidade de crear un mercado sanitario no que poderá participar o sector privado.

Coa implantación de copagamento nas prestacións sanitarias, increméntase o sufrimento das persoas que non teñen recursos económicos para facerlles fronte, creando “un imposto” sobre a enfermidade.

Ana Pontón pregunta no Parlamento polo colapso de urxencias no CHUS e esixe máis recursos sanitarios