PLENO

Aprobada por unanimidade a moción do BNG para iluminar os campus universitarios co obxectivo de frear o acoso sexual

O BNG propuxo a retirada do punto dos apartamentos turísticos para traer unha nova proposta consensuada cos grupos e co sector, xa que despois de tres anos CA aínda non modificou o Plan Especial

Aprobada por unanimidade a moción do BNG para iluminar os campus universitarios co obxectivo de frear o acoso sexual

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2018.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha moción, aprobada por unanimidade, para que o Concello, en colaboración coa USC, acondicione e ilumine os lugares detectados que entrañan perigo para evitar as situacións de acoso sexual que se producen nos campus universitarios, co obxectivo de avanzar no dereito á mobilidade segura. Outro punto ía destinado a realizar unha campaña de sensibilización, xunto con colectivos feministas, para disuadir destes comportamentos ofensivos contra as mulleres, instalar paneis cos números de teléfono de atención á violencia machista e emerxencias, ademais de prestar apoio e asistencia específica a persoas que padezan situacións de acoso e agresión sexual neste ámbito.

Esta moción vai encamiñada a dar un paso máis despois de visibilizar o rexeitamento á violencia como se fixo coa campaña “Compostela en negro” e pasar a actuar desde a administración onde se teñen detectado estas zonas de acoso e agresións para proporcionar unha contorna segura e incorporar os valores de igualdade, respecto, dignidade e liberdade na acción práctica das políticas dos departamentos de Espazos Cidadáns e de Muller, co fin de contribuír a erradicar a violencia machista.

Outra das mocións do BNG, que contou coa intervención da presidenta da ANPA de Roxos, Esther Martíntez, foi para apoiar as reivindicacións deste centro e trasladarlle á Xunta a demanda de asignar máis profesorado co fin de evitar a masificación para poder desenvolver en boas condicións o seu proxecto educativo, xa que precisan desdobrar unha aula que conta con 27 escolares e varios casos de necesidades educativas especiais. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e mais a abstención do PP.

Trasladou tamén unha moción de solidariedade coas persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás, roubado ao pobo galego durante o réxime franquista. Ao fío desta iniciativa, interveu Néstor Rego, unha das persoas denunciadas por participar nunha acción simbólica o pasado 30 de agosto de 2017 que consistiu en despregar dúas faixas para instar a recuperar o pazo e o patrimonio espoliado.

Outra das iniciativas do BNG foi para demandar un concerto co centro comercial As Cancelas para abrir a zona de aparcadoiro exterior durante o tempo de entrada ao CEIP Monte dos Postes co fin de evitar os problemas de afluencia de vehículos que non dispoñen de suficientes prazas de estacionamento nese lugar e de ofrecer unha contorna segura aos nenos e nenas. Aprobouse a proposta.

O BNG trasladou tamén a petición veciñal para a rehabilitación e recuperación de lavadoiros de Laraño, concretamente no lugar de Lamas e xunto a igrexa parroquial, presentada nos Orzamentos Participativos de 2017 e tendo en conta que as administracións públicas son responsábeis do coidado e mantemento deste patrimonio etnográfico e cultural. Aprobouse.