PLENO

Aprobada a iniciativa do BNG para a creación dun programa integral de actividades extraescolares en galego para todos os centros

pazo.raxoi
pazo.raxoi

As mocións para a transferencia de competencias da AP-9 e sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres convertéronse en declaracións institucionais

Aprobada a iniciativa do BNG para a creación dun programa integral de actividades extraescolares en galego para todos os centros

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladou tres iniciativas e cinco preguntas ao Pleno de novembro. A primeira é relativa á posta en marcha dun plan integral de actividades extraescolares e de conciliación en galego, que foi aprobada por todos os grupos e coa abstención de Compostela Aberta, e as outras dúas, convertidas en declaracións institucionais, sobre a transferencia de competencias da AP-9 a Galiza e sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A iniciativa do BNG propón que o Concello de Santiago oferte a todos os centros unha batería de actividades extraescolares (artísticas, creativas, culturais, lúdicas e deportivas) para que cada ANPA seleccione as que lle interesan, ademais de poder complementar coas que considere pola súa conta. Mentres a Xunta non exerza esta competencia, con este sistema conséguese unha oferta homologada, un prezo máis barato, o uso do idioma galego e a introdución de criterios de renda para diminuír a fenda social, de xeito que todos os nenos e nenas poden participar nas actividades extraescolares con independencia do seu nivel socioeconómico.

Ademais, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, aprobouse unha declaración institucional para instar ao Parlamento galego a avaliar a inclusión do termo feminicidio na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A outra das medidas vai destinada a instar á Xunta de Galiza a continuar mellorando os servizos de atención psicolóxica, información, inserción laboral recollidos nesa lei e tamén para garantir que o servizo 016 de atención ás mulleres estará operativo e con medios reais durante as 24 horas todos os días do ano.

Na declaración institucional para reclamar a transferencia das competencias da AP-9 ínstase a todos os grupos políticos con representación nas Cortes Xerais a axilizar a súa tramitación e aprobala nos termos acordados no Parlamento de Galiza.

As preguntas que formulou o BNG neste Pleno para o control do Goberno local son sobre a externalización dun servizo informático, o remate da concesión das pistas de pádel, a xestión dos comedores escolares e o número de solicitudes presentadas e concedidas da Renda Municipal de Garantía Básica e das prestacións de rescate social dende a entrada en vigor da ordenanza.