O BNG anima a participar nun roteiro do Milladoiro á Volta do Castro, con visita ao Castelo da Rocha

O BNG anima a participar nun roteiro do Milladoiro á Volta do Castro, con visita ao Castelo da Rocha

A actividade, aberta ao público, será este sábado 17 de outubro con saída ás 10:00 da rotonda do Milladoiro

roteiro

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2015.- O BNG fai un chamamento a participar nun roteiro entre Ames e Santiago, cunha visita guiada ao Castelo da Rocha, para dar a coñecer a iniciativa da senda peonil e carril-bici que foi aprobada por unanimidade no Pleno compostelán. O punto de encontro para facer o percorrido é este sábado 17 de outubro ás 10:00 horas na rotonda do Milladoiro.

O concelleiro do BNG de Ames David Santomil explicou en rolda de prensa que esta senda peonil e carril-bici para unir O Milladoiro con Santiago de Compostela “é un proxecto moi interesante de cara a mellorar a mobilidade e accesibilidade de moitos veciños e veciñas que usan esta vía ben a pé ou ben en bicicleta”. Así, expresou o “máximo apoio” a este tipo de iniciativas, que ademais son unha demanda que cualificou de “histórica”, “tanto a que discorre en paralelo á N-550 como a necesaria protección do Camiño Portugués que vai dende O Milladoiro, pasando pola Rocha a Santiago de Compostela”.

roteiro02

Pola súa parte, Goretti Sanmartín indicou que esta actividade pretende “reivindicar a seguranza necesaria para as persoas que van a pé e en bicicleta” por este percorrido, ademais de dar a coñecer o Castelo da Rocha. Así, destacou o Castelo da Rocha como “un espazo patrimonial importantísimo en Santiago de Compostela e a necesidade de pólo en valor”, polo fondo histórico que representa.

Foi en 2011 cando grazas a unha emenda do BNG nos Orzamentos Xerais do Estado se conseguiu 1 millón de euros para a escavación desta “impresionante fortaleza medieval e ninguén diría que se investiu esa cantidade, porque o Castelo da Rocha é un absoluto descoñecido”, tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan Compostela. “A estas alturas, o Castelo da Rocha segue mal sinalizado, non é doado achegarse e non está incluído nos percursos turísticos”, advertiu a concelleira nacionalista, “ademais de precisar un plan específico para escolares nas distintas etapas educativas”.

O novo responsábel local do BNG de Santiago de Compostela, Xesús Domínguez, activista ligado á ecoloxía e á loita contra a fraude das participacións preferentes, afirmou que esta iniciativa “parte dunha demanda veciñal”, xa reclamada en Pleno ao anterior Goberno local, para eliminar as barreiras de accesibilidade nesa zona que require un plan de mobilidade, pois “entre O Milladoiro e a Volta do Castro non hai un só paso de peóns que lle permita cruzar ás numerosas persoas que fan a pé este percorrido”. “É un punto negro para peóns, até é doado ver persoas maiores saltando os quitamedos para poder atravesar as rotondas”, engadiu, “cando son barrios cunha poboación importante que cruza a diario por este tramo de quilómetro e medio para poder desprazarse”. “Buscamos outro deseño de infraestruturas que teña en conta peóns e ciclistas”, afirmou.

Así, con este roteiro, o BNG quere facer ver que é posíbel avanzar no traballo por outro modelo de cidade, onde as persoas se sitúen como prioridade e as infraestruturas se adecúen para dar facilidade para pasear.

O BNG anima a participar nun roteiro do Milladoiro á Volta do Castro, con visita ao Castelo da Rocha