ELECCIÓNS

O BNG anuncia a proposta da SantiagoCARD, unha tarxeta para a visita de museos, tren turístico e transporte público

BNG
BNG

É necesario consolidar a imaxe de marca de Santiago como a capital dunha nación cunha oferta turística diferenciada e con proxección universal

O BNG anuncia a proposta da SantiagoCARD, unha tarxeta para a visita de museos, tren turístico e transporte público

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou a proposta para crear a SantiagoCARD, unha tarxeta que inclúa a visita a todos os museos, tren turístico e transporte público, entre as medidas para mellorar a calidade da oferta a visitantes.

Para o BNG é necesario pór en valor a rede museística e, neste sentido, quere ampliar os horarios dos centros de arte, para que en temporada alta e media os/as turistas poidan visitalos até a noitiña. Desenvolver espectáculos pola noite con atractivo para que os/as turistas decidan durmir na cidade e mellorar a sinaléctica en Santiago, tanto da planta hoteleira como dos principais puntos de interese turístico do Concello, son outros dos puntos do programa.

Ademais, para o BNG é necesario “consolidar a imaxe de marca de Santiago como a capital dunha nación cunha oferta turística diferenciada de seu e con proxección universal e aberta ao mundo”, explicou.

Na oferta de diversificación turística existente, o BNG ademais de incrementar o turismo de congresos, cultural e de eventos deportivos, potenciará os roteiros de sendeirismo existentes e a creación de roteiros novos, ao longo das parroquias do concello “para favorecer o seu coñecemento, tanto pola veciñanza como polos turistas, dentro dun plan de promoción do turismo verde e de saúde”.

O BNG quere tamén crear un Festival de música internacional como polo de atracción de visitantes do que tería que ser xa unha realidade: o turismo cultural como eixo central da aposta por un turismo de calidade, sinalou a candidata.

Ademais, Goretti Sanmartín explicou que cómpre facer do Xacobeo 2021 “a oportunidade de traballar por un turismo sustentábel e de calidade, onde as persoas que nos visitan permanezan entre nós o tempo necesario para coñecer o noso concello, a nosa cultura, o patrimonio, a cidade histórica e os barrios”. Nesta liña, o BNG aposta por “promover un cambio de rumbo na preparación e no programa do Xacobeo 2021”, entendendo un período amplo, comprendido no sexenio de 2020 a 2025, que oferte distintos tipos de eventos en que participen creadoras e creadores e as industrias culturais. Tamén é necesario conseguir que a Xunta poña as instalacións do Monte do Gozo a pleno rendemento.

“Precisamos dun turismo de maior valor engadido e menos impacto negativo para a cidade e que sexa sustentábel, pois é unha das principais fontes de ingreso do noso concello”, sinalou. “É por iso que traballaremos por un turismo de calidade que xere postos de traballo con continuidade no tempo, que non deteriore o noso patrimonio nin dane o noso medio”, sinalou.

O futuro do sector pasa por unha maior profesionalización, diversificación, deslocalización, desestacionalización e o aumento do gasto medio, o que se debe plasmar en rendibilidade para se converter nun sector económico capaz de xerar riqueza e postos de traballo de calidade.

Para iso, aposta por dotarse de novos instrumentos en materia de política turística como a creación do Consorcio de Turismo de Santiago, dándolle protagonismo ao sector, Incolsa, o Concello, a Deputación e a Xunta. “O obxectivo é evitar duplicidades, mellorar as sinerxías e complementariades e optimizar o uso de recursos públicos, independentemente de que a política aeroportuaria debe ser competencia da Xunta”, explicou a candidata. “Este Consorcio primará a practicidade, xa que debe orientarse a conseguir o turismo exterior de calidade”, engadiu.

En canto a potenciar o turismo interior, o BNG considera positivo dar maior relevancia ao turismo en Compostela para persoas galegas e compostelás. “É positivo que nos visiten, nos coñezan, e fagan gasto na cidade persoas que proveñen de todos os continentes, mais é importante que as actividades deseñadas estean pensadas tamén para que a veciñanza e o resto de galegos e galegas coñezan máis e mellor o noso rico patrimonio cultural, artístico e ambiental”, sinalou.