ELECCIÓNS

O BNG aposta por crear o Consorcio Compostelán polo Emprego para traballar de xeito coordinado contra a precariedade laboral

Encontro coa CIG
Encontro coa CIG

Néstor Rego e Goretti Sanmartín mantiveron un encontro con representantes sindicais da comarca

O BNG aposta por crear o Consorcio Compostelán polo Emprego para traballar de xeito coordinado contra a precariedade laboral

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- O BNG impulsará o Consorcio Compostelán polo Emprego co fin de coordinar desde as distintas administracións as políticas para frear o paro, a emigración e os recortes de dereitos laborais, segundo avanzaron Goretti Sanmartín, candidata a Alcaldía de Santiago, e Néstor Rego, candidato do BNG ao Congreso, nun acto que contou coa participación dun cento de representantes sindicais da CIG.

O Consorcio Compostelán polo Emprego é unha das medidas estrela do programa do BNG para Santiago de Compostela. Será unha experiencia piloto, como capital de país, con participación de institucións e entidades como o Goberno do Estado, Xunta de Galiza, Deputación da Coruña, Cámara de Comercio, Universidade de Santiago de Compostela, organizacións sindicais, entidades privadas e asociacións empresariais.

“O apoio ás persoas emprendedoras e o impulso de políticas activas de emprego serán os obxectivos fundamentais deste Consorcio Compostelán polo Emprego, que traballará baixo a premisa de coordinar, evitar duplicidades e optimizar os recursos públicos e privados existentes para loitar contra o paro”, sinalou a candidata do BNG.

Goretti Sanmartín explicou tamén a intención de pór en marcha unha Estratexia de Emprego 2019-2024 “que se fundamenta na creación de emprego para colectivos vulnerábeis, entre os que están a mocidade, as mulleres e as persoas desempregadas de longa duración; así como a retención de talento e a volta de mocidade emigrada”.

“O BNG aposta por incluír nos pregos de contratación, na medida do posíbel, criterios referidos á estabilidade laboral, á creación de novos postos de traballo, á incorporación de colectivos de difícil inclusión laboral, promoción do emprego feminino e da mocidade”, indicou. Do mesmo xeito que avoga por introducir nos pregos de contratación pública unha cláusula social que prime as empresas que garantan a subrogación e as que manteñan ou melloren as condicións preexistentes.

Pola súa parte, Néstor Rego defendeu políticas encamiñadas “a superar a fenda de xénero e a fenda territorial dos salarios e das pensións que nos afectan como país, posto que en Galiza son das máis baixas do Estado”. O BNG demanda derrogar as contrarreformas laborais e o incremento inmediato do salario mínimo interprofesional até acadar a contía do 60% do salario medio, explicou.

Ademais, comprometeuse a impulsar iniciativas destinadas ao fomento do emprego estábel, a recuperar os dereitos na negociación colectiva e á redución da xornada laboral co fin de crear postos de traballo e reactivar a economía. “O BNG traballará no Congreso para mellorar as condicións laborais da maioría social do país”, afirmou.