DEPURADORA

O BNG apremia o Goberno de Compostela Aberta a tomar decisións sobre a nova depuradora para reducir a contaminación ao Sar

Rubén Cela lembra que as negociacións do PP e CA co Estado foron “pésimas”

O BNG apremia o Goberno de Compostela Aberta a tomar decisións sobre a nova depuradora para reducir a contaminación ao Sar

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, apremiou o Goberno de Compostela Aberta a tomar decisións “para non perder os fondos consignados para a estación depuradora de augas residuais, ante a ameaza de sanción da UE e o incremento de contaminación dos vertidos ao río Sar”.

“A actuación do PP no seu día e a falta de actuación do Goberno de CA na actualidade poñen en perigo esta infraestrutura e o seu financiamento, que é básica e inaprazábel”, explicou Rubén Cela. Para emprender unha terceira vía, como propón agora CA, pasarían entre 6 e 8 anos para a busca de emprazamento, estudo de impacto ambiental, declaración de impacto ambiental, licitación, inicio da obra e execución. “Polo tanto, o momento de buscar unha terceira vía era hai dous anos, para que se puidesen asumir os prazos”, afirmou.

Para o BNG, a depuradora é unha infraestrutura “imprescindíbel e urxente”, porque a actual non está dimensionada para a carga actual que recibe que supera nun 69% o capacidade prevista de 51.600 m3/día (equivalente a unha poboación de 103.000 habitantes).

Lembrou tamén que as negociacións do PP e CA co Estado foron “pésimas”, mentres co PP a achega do Estado era do 80%, Xunta 15% e Concello 5% a de CA foi do Estado un 60%, Xunta 20% e Concello 20% que representarían entre 14 e 16 millóns de euros.

“O BNG nunca se negou a estudar novos emprazamentos, mais sempre con dúas premisas básicas como que a posíbel nova localización demostrase ter menor impacto ambiental e social que as anteriores e que non imposibilite o prazo do uso dos fondos europeos”, afirmou.

Deste xeito, esixiulle “clareza” ao Goberno de CA, “porque no Consello de Medio Ambiente se decantaran polo emprazamento no Souto e agora parece que cambiaron de posición”. “Neste momento, a peor posición é non ter posición e seguir deixando pasar o tempo, como fai Compostela Aberta”, indicou Rubén Cela.