MEDIO AMBIENTE

O BNG considera unha “irresponsabilidade compartida entre PP e CA” a mala xestión para construír a depuradora

Solicita que se aclare se fan falta estudos para unha nova Declaración de Impacto Ambiental e se é posíbel realizala en prazo de non perder os fondos europeos

O BNG considera unha “irresponsabilidade compartida entre PP e CA” a mala xestión para construír a depuradora

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2018.- O BNG advirte de que o Concello de Santiago de Compostela non pode permitirse perder os fondos europeos para realizar a estación depuradora, despois de chegar a esta situación “pola irresponsabilidade compartida entre PP e CA”. “Compostela Aberta está máis preocupada do relato para buscar culpábeis que de construír a depuradora”, afirmou Rubén Cela.

Aludiu Rubén Cela á irresponsabilidade do PP por decidir un cambio de emprazamento “non como froito dunha decisión técnica senón política, por un compromiso electoral de Conde Roa para construíla no Souto”, onde escolleu un lugar máis caro para construír e manter, con maior custe ambiental e patrimonial e con importantes lagoas legais.

A iso engadiuse a proposta “extemporánea” de CA “logo de botar dous anos negociando o tipo de depuradora pero asumindo o emprazamento no Souto nese período, até que cambiou pola Silvouta”.

Para Rubén Cela, o resultado da reunión con Acuaes e Augas de Galiza “era previsíbel”, como o será o da reunión coa presidencia de Acuaes e a secretaría de Medio Ambiente.

“A proposta de CA para facela na Silvouta presentada hai dous anos e medio sería moi diferente, pois chegaría en prazo para realizar a Declaración de Impacto Ambiental”, sinalou. Así, afirmou que “a proposta de CA de facer a depuradora na Silvouta non é mala pero chega moi tarde”. Se Santiago de Compostela perde os fondos europeos, queda sen depuradora e seguirá vertendo ao Sar, o Estado español pode repercutirlle ao Concello a multa da Comisión europea e que se opte por un modelo público-privado que pagará a veciñanza, advertiu.

Deste xeito, solicitou que se aclare se fan falta estudos para unha nova Declaración de Impacto Ambiental e se é posíbel realizala en prazo de non perder os fondos europeos.