ORZAMENTOS

O BNG considera “unha mágoa” que o proceso dos orzamentos participativos non se fixese “con seriedade, rigor e transparencia”

“É curioso que a elaboración dos orzamentos participativos sexa exclusivamente a través dunha empresa privada en vez de apostar pola xestión pública”

O BNG considera “unha mágoa” que o proceso dos orzamentos participativos non se fixese “con seriedade, rigor e transparencia”

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017.- O portavoz municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, sobre o novo erro detectado no reconto de votos dos orzamentos participativos, expresou que “é unha mágoa” que este proceso non se fixese “con seriedade, rigor e transparencia”.

O BNG apostou pola xestión directa dos servizos públicos que están externalizados, mais, por parte de Compostela Aberta, “é curioso que a elaboración dos orzamentos participativos sexa exclusivamente a través dunha empresa privada, o que debera dar a unha reflexión de fondo”, indicou.

“Agardamos que corrixan isto para que a xente, se volve haber unha experiencia deste tipo, poida ter confianza no que fai e, sobre todo, que se faga unha análise autocrítica do funcionamento deste proceso”, continuou Rubén Cela.

Así, cualificou a idea dos orzamentos participativos como “boa, mais hai que facer as cousas ben, con seriedade e con rigor”, afirmou, “pois unha administración pública non é un club de amigos, pois ten que xestionar coa solvencia técnica necesaria para participar nun proceso que regula, tutela e conduce o Concello de Santiago, que ten que ser con absoluta transparencia e con todas as garantías esixíbeis”.