PLENO

O BNG defenderá unha moción para a recuperación dos dereitos e do emprego na Administración de Xustiza

Lembra o reparto discriminatorio que deixou Compostela sen novas salas do Social, Familia, Contencioso-Administrativo e Violencia de Xénero

O BNG defenderá unha moción para a recuperación dos dereitos e do emprego na Administración de Xustiza

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción para amosar o apoio aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza nas súas reivindicacións de dereitos laborais e de emprego, ademais de instar á Xunta de Galiza a retomar as negociacións no marco do Consello Galego de Relacións Laborais cos representantes dos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza.

Os traballadores e as traballadoras da Administración de Xustiza de Galiza suman xa varias semanas de paro reclamando condicións salariais e laborais que non os discriminen, contra os recortes e en defensa dunha Administración de Xustiza áxil e moderna e iniciaron o pasado 9 de febreiro unha folga indefinida. Trátase dunha medida extrema á que se chega logo de esgotar todas as vías posíbeis de negociación e como resposta á prepotencia, soberbia e cerrazón da Xunta de Galiza. A folga conta cun seguimento masivo e co apoio dos sete sindicatos representativos do persoal. Tamén as dúas manifestacións convocadas en Compostela, o 25 de xaneiro e o 24 de febreiro, contaron cun apoio masivo do persoal.

Os traballadores e traballadoras do sector da Xustiza en Galiza son reiteradamente discriminadas na retribución do complemento transitorio con respecto ao resto do persoal do Estado, cunhas diferenzas salariais acumuladas no período 2013-2017 que poden variar entre os 4.000 e os 10.000 euros, en función do corpo ao que se pertenza. Por iso, unha das demandas é a subida do complemento transitorio autonómico, retirado das pagas extraordinarias polo Goberno de Feixóo durante os últimos catro anos. Sinalan ademais que, a diferenza do que pasa noutras autonomías, en Galiza o persoal que cobre un posto en substitución vertical non cobra a totalidade do posto que ocupa. Solicitan igualmente que se negocie un plan de recuperación das 106 prazas amortizadas en 2013 e que afectaron especialmente aos xulgados do contencioso, de paz, de familia e ás audiencias provinciais o que supuxo un incremento substancial da carga de traballo e atrasos. As centrais sindicais piden tamén a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, comprometida pola Dirección Xeral de Xustiza.

Cómpre lembrar que na asignación de novas salas para reforzar as que estaban máis colapsadas, producida en novembro de 2016, a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acordaron crear cinco novas instancias xudiciais en 2017, nun reparto discriminatorio con Santiago de Compostela que non estaba avalado por criterios obxectivos e obvia o colapso histórico existente.

Para o BNG, nun contexto económico como o actual, a administración debera ser sensíbel para dotar Santiago de Compostela dun novo xulgado do Social que atende temas relacionados co emprego como incapacidades laborais e despedimentos, ademais de ser precisas novas salas de Familia, Contencioso-Administrativo e de Violencia de Xénero.