O BNG defenderá no Pleno que a Central de Coordinación do 061 e o Servizo de Emerxencias do 112 queden en Santiago

O BNG defenderá no Pleno que a Central de Coordinación do 061 e o Servizo de Emerxencias do 112 queden en Santiago

A Xunta pretende o “traslado forzoso” de 330 profesionais a un edificio da Axencia Galega de Emerxencias da Estrada

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno para instar á Xunta a manter a Central de Coordinación do 061 e do Servizo de Emerxencias do 112 en Santiago de Compostela co fin de evitar o seu traslado forzoso a un edificio da Axencia Galega de Emerxencias da Estrada.

“Houbo xa moitas mostras de apoio ás reivindicacións de profesionais do 112 e do 061, tanto das centrais sindicais como dos partidos políticos e asociacionismo, ademais da Cámara de Comercio e do Foro”, explicou Rubén Cela. “Nese sentido, dende o BNG entendemos que é importante que exista unha petición formal do conxunto da Corporación de Santiago para instar á Xunta á paralización deste traslado forzoso”, engadiu o portavoz municipal nacionalista.

Para o grupo municipal do BNG, este é un cambio “arbitrario, forzoso e carente de lóxica” pola perda da centralidade e de operatividade demostrada até a actualidade. Ademais, cualificouno de “innecesario” porque suporá un forte desembolso para as arcas públicas despois de facer reformas nas instalacións actuais no ano 2011 e tendo en conta que o novo centro da Estrada foi orzado en 8 millóns de euros e tivo 5 millóns máis para a súa dotación sen ten prevista súa utilidade.

Rubén Cela referiuse tamén a que este cambio de emprazamento dos servizos se produce “con escurantismo e de costas a traballadores e traballadoras, como xa denunciou a xunta de persoal e colectivos da propia cidade de Santiago”.

A Central de Coordinación do 061, instalado en Santiago de Compostela dende a súa entrada en funcionamento está conformado na actualidade por 250 persoas, e o Servizo de Emerxencias do 112 ten un cadro de persoal de 80 profesionais que, de producirse este traslado vai implicar un cambio de residencia e un sobrecuste que repercute nas súas condicións salariais. Así, de ser facerse efectiva esta deslocalización, reivindican que se chegue a un acordo co persoal que presta estes servizos para que se compensen as súas condicións laborais derivadas do cambio introducido.