PLENO

Pleno febreiro: O BNG empraza o Goberno local a traer unha nova proposta de convenio para a construción da depuradora

Apróbase por unanimidade a moción para que se clausure a planta de tecnolosolos do vertedoiro de Miramontes ante os incumprimentos detectados

Pleno febreiro: O BNG empraza o Goberno local a traer unha nova proposta de convenio para a construción da depuradora

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018.- Sobre o convenio para a construción da depuradora no Souto, o BNG, tal como solicitou na comisión informativa de Facenda, demandou a retirada deste punto e emprazou o Goberno local a traer “unha nova proposta que queiran que se aprobe acompañada dun expediente que cumpra os parámetros que marca o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais”. Así, o BNG non participou na votación por non estar de acordo co emprazamento proposto no convenio e debido ao reparo suspensivo da Intervención municipal, motivado pola inexistencia de crédito orzamentario para cumprir o que marca o convenio en caso de se aprobar. Cuestiouno tamén que o Goberno local someta a debate un convenio que non apoia, porque está máis preocupado en construír o relato do futuro e de repartir as culpas de que non se constrúa que de procurar unha alternativa viábel ambiental e socialmente posíbel para reducir a contaminación producida polas verteduras ao río.

O BNG nunca defendeu o emprazamento da depuradora no Souto por ser froito dunha decisión política sen sustento técnico, por ser máis cara, con máis afectación ambiental e patrimonial e por incorrer en maior inseguridade xurídica. Aliás, nunca se negou a estudar outras localizacións alternativas, iso si, sempre que garantan que o novo emprazamento proposto sexa mellor ambiental e socialmente e que non se comprometan os fondos europeos.

O BNG trasladou ao Pleno unha proposición para que na nova memoria económica do servizo da ORA se inclúa a posibilidade de que o novo modelo de xestión pública de aparcamento de vehículos en rotación sexa gratuíto. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e PP, CA abstívose.

Unha das mocións do BNG foi destinada a emprender as xestións necesarias para a clausura dos tecnosolos e a restauración da zona da canteira de Miramontes de acordo co plan inicial, toda vez que as analíticas da Xunta confirman as denuncias realizadas pola Plataforma veciñal de afectados/as polo vertedoiro de Grixoa. Ao abeiro desta moción interveu un representante deste colectivo. Aprobouse por unanimidade.

Noutra moción, reclamou que o Concello de Santiago apoie a convocatoria de folga de mulleres prevista para o 8 de marzo, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.

Ademais, propón que o Concello de Santiago de Compostela realice un chamado a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria, recolle o texto da iniciativa. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA e a abstención do PP.

A moción do BNG para apoiar a reivindicación das asociacións de pequeno comercio de Compostela e instar ao Goberno de España a derrogar o artigo 28.3 do Real Decreto-Lei 20/2012 de 13 de xullo mediante o que liberalizou a fórmula comercial de rebaixas que está a prexudicar o sector foi aprobada cos votos de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.

Outra das mocións do BNG, aprobada por unanimidade, foi para recuperar a antiga Sala Iago, un espazo infrautilizado para actividade cultural. Deste xeito, é preciso buscar vías de solución para dinamizar e darlle vida a colectores culturais históricos, que foron no seu día referencia, por exemplo, para os espectáculos de monicreques. En Santiago de Compostela aséntanse un bo número de grupos de teatro, tanto profesionais como amadores, de música, compañías de danza, de maxia, de circo, así como produtoras e empresas auxiliares do sector audiovisual. Por outra parte, Santiago posúe un público ávido de eventos culturais e partícipe directo de numerosas iniciativas. Nese sentido, falamos dun público esixente, comprometido, implicado nesa procura dunha cidade culta que lidere a iniciativa e a referencia da aposta cultural no noso país. Por se isto fose pouco, a creación artística é un exemplo de uso público normalizado e de difusión da lingua e da cultura galegas, algo a que a capital de Galiza ten que contribuír decididamente.

No apartado de rogos, reclamoulle ao Goberno local que adecúe os tempos dos semáforos á normativa de accesibilidade, pois recibiu diversas queixas de persoas ás que non lles dá tempo a cruzar en determinados pasos de peóns de Santiago de Compostela. Para cruzar é necesario que os semáforos dispoñan dun tempo en verde para peóns, segundo a distancia a percorrer, equivalente a 0,5 m/s. A modo de exemplos, sinala o semáforo da Senra, na praza de Galiza, que só está 16 segundos en verde para atravesar 4 carrís e o da estación de autobuses, en Rodríguez de Viguri, que está 24 segundos aberto para 6 carrís. Comprometéronse a revisar a rede semafórica a vindeira semana.

Demandou tamén diversas melloras na zona dos Pelamios, como o arranxo das escaleiras e da cuberta do espazo de ping-pong, así como unha revisión e limpeza das reixas de recollida de pluviais e acondicionamento de camiños do parque. Ademais, cómpre arranxar os camiños dos parques que, por mor das trombas de auga, quedaron case sen grava e coas pedras ao descuberto, o que os fai perigosos e incómodos para pasear, segundo require a veciñanza.

Trasladou ademais tres preguntas orais sobre as xestións realizadas para recuperar as instalacións da vella terminal de Lavacolla; sobre a aplicación do Plan Especial da Cidade Histórica e sobre o contrato de liquidación de Setex-Aparki que xestiona a ORA. No apartado de preguntas escritas, foron sobre a subrogación do persoal da ORA, sobre o diñeiro destinado en saneamento e abastecemento no rural, sobre o funcionamento da estación de bombeo de Pelamios e sobre unha compra realizada en Informática por 19.178 euros para instalar un programa en 10 equipos.