DEPURADORA

O BNG estima “unha falta de lealdade do PP con Santiago” a petición da directora de Augas de Galicia de desviar os fondos da depuradora

bng
bng
Goretti Sanmartín esixe compromisos por escrito “para axilizar  prazos e asignar orzamentos” do Estado, da Xunta e do Concello en 2020 para a EDAR
O BNG estima “unha falta de lealdade do PP con Santiago” a petición da directora de Augas de Galicia de desviar os fondos da depuradora

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cualificou de “irresponsabilidade” por parte do PP permitir que a directora de Augas de Galicia propoña o desvío de fondos europeos destinados a Santiago de Compostela a outro concello, en troques de velar “por axilizar a tramitación para a construción da nova depuradora na Silvouta e pola necesidade de reducir as verteduras que diariamente se producen ao Sar”. “Esta petición ao Ministerio de Medio Ambiente é un feito gravísimo por parte do PP, que representa unha falta de lealdade con Santiago de Compostela”, afirmou.

Deste xeito, o BNG pedirá explicacións a través do Parlamento logo de coñecer as declaracións de Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia e ex-concelleira do PP en Santiago de Compostela, sobre a súa petición por carta ao Ministerio de Medio Ambiente de desviar a Ames os fondos europeos da depuradora de augas residuais asignados a Santiago de Compostela, ante a posibilidade de que se perdan neste período operativo por non iniciar a obra en prazo, sen prexuízo de que sexa necesario  atender as necesidades de Ames.

Goretti Sanmartín instou a se reuniren as administracións implicadas para buscar unha solución ante a posibilidade de perda deste financiamento comunitario, co fin de que sexa unha “prioridade política, porque é unha obra de interese xeral” e que se asinen “compromisos por escrito” para a axilización de prazos e asignación de Orzamento do Estado, da Xunta e do Concello en 2020.

“Non é tempo de escusas, Santiago de Compostela non pode continuar a contaminar o Sar nin a ría de Noia por desleixo político de PP e PSOE”, afirmou. “É necesario conseguir as asignacións orzamentarias para 2020, que se axilicen as tramitacións para comezar a obra en 2021 e manter os fondos europeos”, destacou.