PLENO

O BNG fai propostas para a administración electrónica, co pagamento fraccionado de impostos e consulta de expedientes online

Son medidas para simplificar os trámites, que reducirán o traballo do persoal municipal e axilizarán a xestión administrativa

O BNG fai propostas para a administración electrónica, co pagamento fraccionado de impostos e consulta de expedientes online

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei presentou unha batería de propostas para incluír no plan para a implantación da administración electrónica no Concello de Santiago de Compostela.

“O BNG levaba moito tempo a reclamar este plan que anunciou o Goberno local a semana pasada porque é unha anomalía que, en pleno século XXI, o Concello de Santiago fose tan atrasado nesta materia en que outras administracións nos levan a dianteira e que, mesmo, incumpre normativa en que os concellos teñan a obriga de facilitar todo tipo de tramitación, rexistros, notificacións e consulta de expedientes de xeito dixital”, explicou.

O Concello de Santiago carece dun rexistro electrónico nin público nin interno entre os departamentos, advertiu a concelleira, o que dificulta o labor do persoal. “Coa implantación da administración electrónica poderíase axilizar a tramitación administrativa municipal, facilitarlles as xestións á veciñanza e empregar mellor os recursos humanos, sen ter que atender consultas presenciais de expedientes cando iso se pode mirar desde a casa se isto funcionase debidamente”, engadiu.

As chaves da administración electrónica deben ir acompañada da simplificación da tramitación e de avanzar na plataforma de intermediación con outras administracións, no referido a datos da cidadanía “para que non teña que reiterar, unha e outra vez, a entrega do documento de identidade, datos sobre desemprego ou catastrais, cando xa están en coñecemento”.

Para a redución de papel e dos labores de entrega de notificacións internas no Concello, o BNG aposta por dixitalizar os expedientes que van á Xunta de Goberno, comisións e mesas de Contratación e facilitar o seu acceso online mediante claves para o manexo por parte dos grupos municipais e do persoal dos departamentos e servizos relacionados. “Ademais do gasto en papel, é arcaico fotocopiar a documentación das xuntas de goberno, comisións e mesas de contratación”, indicou.

Reclamará tamén que estas plataformas dixitais estean en galego, con software libre e dispoñan dun curso formativo para o seu manexo por parte do persoal municipal.

Expresou a alegría de que o Concello de Santiago decida ofrecerlle á poboación o pagamento á carta dos impostos municipais, posto que foi unha iniciativa reiterada polo BNG que se presentou en forma de emenda ás ordenanzas fiscais de 2016, para que se poña en práctica non só para o IBI senón para o conxunto dos impostos municipais e permita seleccionar o tipo de fraccionamento e as cotas mensuais.

O BNG fai propostas para a administración electrónica, co pagamento fraccionado de impostos e consulta de expedientes online