ENSINO

O BNG insta a asumir a xestión directa da Escola Municipal de Música se a empresa non mantén o profesorado

O proxecto educativo da única empresa presentada obtivo baixa puntuación

O BNG insta a asumir a xestión directa da Escola Municipal de Música se a empresa non mantén o profesorado

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018.- O grupo municipal do BNG de Santiago insta a iniciar o proceso de xestión directa da Escola Municipal de Música no caso de que a empresa que está pendente de ser adxudicataria non subrogue o equipo de profesorado e administrativo que, algúns deles, levan máis de 15 anos a desenvolver un proxecto educativo para máis de 400 nenos e nenas.

“Se o Goberno de Martiño Noriega é incapaz de buscar unha solución para subrogar o profesorado e persoal administrativo da Escola Municipal de Música a través da única empresa que se presentou e resultou adxudicataria, dende o BNG instamos a iniciar o proceso de xestión directa, que consideramos máis xustificado, urxente e importante que o da ORA”, sinalou Rubén Cela.

Á parte de non subrogar o persoal, a empresa adxudicataria non ofrece bolsas de matrícula gratuíta para nenos e nenas de familias en risco de exclusión social e tampouco destina fondos para auditorías de natureza pedagóxica en relación coa prestación do servizo. Obtivo, ademais, unha escasa puntuación no proxecto educativo.