SEGURANZA VIARIA

O BNG leva ao Parlamento a demanda de mellorar a seguranza viaria na Barcia, en Santiago de Compostela

A Barcia
A Barcia

A estrada Santiago-Noia, pola que circulan milleiros de vehículos a diario, ten un punto de falta de visibilidade no paso de peóns do Centro Superior de Hostelaría

O BNG leva ao Parlamento a demanda de mellorar a seguranza viaria na Barcia, en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2018.- O BNG traslada ao Parlamento a demanda de seguranza viaria na Barcia, para instalar un semáforo ou as medidas técnicas necesarias, diante do paso de peóns do Centro Superior de Hostalaría, na estrada AC-543 de titularidade da Xunta.

Esta estrada Santiago-Noia, pola que circulan milleiros de vehículos a diario, ten un punto de falta de visibilidade ao saír dunha curva en baixada onde está un paso de peóns que nos horarios de entrada e saída á escola de hostalaría é moi usado tanto polas persoas empregadas como polo alumnado deste centro, ademais da veciñanza da zona que ten este punto como único lugar para cruzar dunha beira á outra.

Neste sentido, o BNG faise eco da reclamación efectuada mediante máis de 80 sinaturas de persoas afectadas que rexistraron un escrito no Concello de Santiago, co obxectivo de lle dar traslado á Xunta da necesidade de instalar regulación semafórica, lombos ou sinais luminosos de advertencia para reducir a velocidade antes do paso de peóns, co fin de mellorar a seguranza viaria e a mobilidade na zona.

Marquesiñas

Ademais, o grupo municipal nacionalista reclámalle ao Goberno local de Compostela Aberta a instalación dunha marquesiña de autobús na propia parada, co fin de que centos de persoas usuarias poidan gorecerse das inclemencias meteorolóxicas, ademais de protexerse na beiravía cando os vehículos pasan a moita velocidade.