O BNG organiza un debate aberto sobre o vertedoiro de Miramontes

Conta coa participación de Adega e da Plataforma de Grixoa e Fecha
 

O BNG organiza un debate aberto sobre o vertedoiro de Miramontes

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2017.- O Bloque Nacionalista Galego organiza un acto informativo con debate aberto ao público sobre a xestión do lixo no vertedoiro de Miramontes, en Grixoa. Será este xoves 22 de xuño ás 20:30 no Vide-Vide (rúa Fonte de Santo Antonio, 10).

Ademais do BNG, intervirán membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e da Plataforma de Grixoa e Fecha.

Este acto inscríbese na campaña para a creación de conciencia ambiental que desenvolve o BNG, tanto con iniciativas no Concello de Santiago, Parlamento galego e Parlamento  europeo, como de carácter informativo e reivindicativo.

A formación nacionalista defende que cumpran as condicións esixidas pola normativa e as especificacións sinaladas na autorización de impacto ambiental deste vertedoiro e dos tecnosolos que cobren a ladeira. No Pleno apostou por realizar as xestións necesarias para evitar que se depositen en Santiago de Compostela residuos doutras comarcas galegas e doutros territorios do Estado, co obxectivo de cumprir o principio legal e ambiental para o tratamento e valorización do lixo no punto máis próximo a onde se xera.

Ademais, o BNG traballa para adoptar un novo plan de xestión de residuos baseado na prevención, na recollida separada na orixe e na reciclaxe, tendente ao residuo cero.

Entre os indicios de incumprimentos ambientais deste vertedoiro de Grixoa, está a ausencia dun  perímetro valado para impedir o paso de persoas e animais, como marca a normativa, e a existencia de balsas de líquidos contaminantes sen impermeabilizar, polo que pode existir perigo de que residuos acaben en regatos, fontes, minas de auga e prados próximos que serven de alimento á gandaría da zona. Na conformación dos tecnosolos depositados no monte atopáronse tamén pilas, compresas, cristais e restos orgánicos sen o debido tratamento.

Ademais, o vertedoiro acolle lixo sen clasificar de distintas partes do país, dende Sogama a Nostián, e mesmo de fóra de Galiza.