PLENO

O BNG permite a aprobación inicial dos Orzamentos, coa súa abstención, “por responsabilidade coa cidade”

O incremento en 7,2 millóns máis procede, como apunta o informe de Intervención, da suba do Imposto de Bens Inmóbeis que pagan os veciños e veciñas de Santiago de Compostela , advertiu Rubén Cela

O BNG permite a aprobación inicial dos Orzamentos, coa súa abstención, “por responsabilidade coa cidade”

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018.- O grupo do BNG abstívose na aprobación inicial dos Orzamentos municipais de 2018 para Santiago de Compostela e, segundo explicou Rubén Cela na súa intervención, non votou en contra “por responsabilidade con Santiago, pola inclusión de 6 propostas e por coincidir ideoloxicamente coas liñas estratéxicas”. Así, evitouse “ter un orzamento prorrogado, atrasar varios meses a súa aprobación e forzar o seu debate vinculado a unha cuestión de confianza”, engadiu.

Segundo sinalou no Pleno o portavoz nacionalista, Rubén Cela, o BNG conseguiu na negociación incluír a suba de 600.000 euros para bolsas escolares e incluír o almorzo como gasto subvencionábel, unha partida específica para eliminación de barreiras arquitectónicas e activación da comisión de accesibilidade, un plan de prevención de incendios forestais cunha liña de axudas para eliminar eucaliptos en zonas próximas a núcleos de poboación e plantar frondosas caducifolias, o pagamento de impostos á carta e o cumprimento dos acordos do ano anterior que non foron executados.

 

Referiuse tamén á experiencia da negociación das anteriores contas municipais, no relativo á consecución por parte do BNG do traslado da Escola Municipal de Música e á ampliación das instalacións do centro Apóstolo Santiago; ao aparcadoiro público na contorna do Conservatorio Profesional de Música e arranxo da rúa Altiboia; ao arranxo da Casa das Máquinas; ás novas pistas de squash, bádminton e tenis de mesa; ás pistas de skate e a determinadas medidas de seguranza viaria, aínda que moitas quedaron pendentes, sinalou. Entre as pendentes de execución, pese a que estaban aprobadas con consignación orzamentaria, sinalou a cuberta da piscina do Sar, o parque urbano das Hortas, o novo aparcadoiro público do Ensanche, a promoción interna no parque de bombeiros, o arranxo de rúas e beirarrúas do campus sur, o Plan Especial das Brañas de Sar, o departamento de inspección de servizos, a planta de compostaxe, o plan de novas marquesiñas e indicadores informativos e os paneis de comunicación social.

Neste sentido afirmou que “calquera cousa que puidésemos negociar habería que poñela en corentena, máxime se atendemos a un dos principais problemas deste mandato como é a baixa execución orzamentaria, algo que non é novo mais que non mellorou en absoluto coa chegada ao Goberno de Compostela Aberta”. Así, Rubén Cela reclamou no Pleno un informe de Intervención co grao de execución dos Orzamentos dos últimos 10 anos, “porque os dous anos de Compostela Aberta son os de menor execución da década”.

Ademais, sinalou non estar de acordo co cadro de persoal proposto, na liña do manifestado polas centrais sindicais na Comisión informativa de Facenda. Aludiu neste punto á responsabilidade do Goberno español de PP, “pois as prazas que se incorporan non son as que realmente se necesitan polo que prestarán servizos públicos de xeito deficitario, haberá unha escandalosa contía de horas extras que empregadas doutro xeito valerían para crear novos postos de traballo e por un abuso na contratación temporal”. Ademais de considerar que “a promoción interna é moi cativa en xeral e no parque de bombeiros en particular”.

Sobre o capítulo de ingresos do Orzamento, sinalou que se trata dun orzamento “pre-crise” cun incremento do 7% que significa 7,2 millóns máis que proceden, como apunta o informe de Intervención, do catastrazo; da suba do Imposto de Bens Inmóbeis que pagan os veciños e veciñas de Santiago de Compostela, advertiu.

O BNG non pode votar a favor polo escaso grao de execución do Orzamento pasado, porque falta incluír unha solución económica para o servizo da ORA e porque se comprometeran a reducir as axudas nominativas mais o certo é que se incrementan nun 38%, concluíu a intervención.