PLENO

O BNG presenta unha iniciativa para potenciar o comercio de proximidade con promocións, actividades de conciliación e facilidades para aparcar

Encontro con representantes do comercio de proximidade
Encontro con representantes do comercio de proximidade
Goretti Sanmartín e Navia Rivas reuníronse con representantes do asociacionismo para contrastar o contido deste plan de comercio que proporá o BNG no Pleno
O BNG presenta unha iniciativa para potenciar o comercio de proximidade con promocións, actividades de conciliación e facilidades para aparcar

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG reuniuse con representantes das asociacións de comerciantes para presentarlles unha iniciativa que levará ao Pleno de outubro co obxectivo de que o Concello desenvolva un plan para impulsar o comercio de proximidade, a comezar polas compras de Nadal, inserido nunha campaña “Compostela como capital de compras”. Esta campaña, que pretende poñer en valor o comercio compostelán, terá carácter plurianual con actividades promocionais, servizos de conciliación e facilidades para aparcar.

No almorzo de presentación estiveron as concelleiras Goretti Sanmartín e Navia Rivas; Javier González Prieto e Antón Pedreira (Comercio Punto Compostela), José Angel Núñez (Compostela Monumental) e Delmiro Prieto (Santiago Centro).

Durante o encontro, Goretti Sanmartín explicou o contido da iniciativa que contén “actividades de difusión de produtos do comercio de proximidade coa edición dun catálogo de distribución gratuíta, servizos de conciliación no Centro Sociocultural do Ensanche e noutros lugares descentralizados por barrios para deixar nenos e nenas mentres se fan compras e tamén a necesidade de dar facilidades con vales desconto nos aparcadoiros, ademais de abrir novas zonas para deixar os vehículos”.

O pequeno comercio de Santiago de Compostela sufriu nos últimos anos as consecuencias da crise económica, con numerosos peches de estabelecementos, despedimentos de persoal e precariedade laboral. Desde as administracións públicas pódese contribuír a reactivar este tecido comercial co apoio ao asociacionismo do pequeno comercio para dinamizar a economía local. Neste sentido destacou que “é fundamental deseñar unha boa campaña de sensibilización social a respecto de todo o que supón a existencia do comercio de proximidade”.

Ademais da proposta de negociar cos aparcadoiros privados un sistema de vales desconto, a iniciativa inclúe a construción de aparcadoiros de xestión pública no campus sur, en Belvís e aproveitar a actuación na parcela de Peleteiro para que haxa un novo aparcadoiro público como o de Xoán XXIII.

A tempada de Nadal é unha das oportunidades para desenvolver estas campañas en colaboración coas asociacións de comerciantes. Para iso, cómpre lembrar que no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, que ten como obxectivo fortalecer o sector para facelo máis dinámico, tivo moito éxito no seu día a campaña “Compostela capital de compras” cuns resultados positivos e, dentro dela, a específica de Nadal “Regalar custa pouco”. Daquela distribuíranse 10.000 exemplares dun catálogo de produtos seleccionados de tendas locais que fora editado pola Concellaría de Promoción Económica e repartido de xeito gratuíto entre a veciñanza. Entre os comercios participantes entregáranse varios premios para destacar a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Isto ía acompañado de actividades de animación tanto no Ensanche como na Cidade histórica, de exposicións sobre o comercio, actividades promocionais e servizos de conciliación familiar.