COMERCIO

O BNG propón unha campaña para apoiar o comercio de proximidade compostelán e fomentar a compra de produtos galegos no Nadal

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Aposta tamén por ofrecer servizos de conciliación con actividades para nenos e nenas mentres se fan compras
O BNG propón unha campaña para apoiar o comercio de proximidade compostelán e fomentar a compra de produtos galegos no Nadal

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.- O BNG proporá no Pleno que o Concello de Santiago de Compostela desenvolva unha campaña para apoiar o comercio de proximidade compostelán e fomentar a compra de produtos galegos coincidindo coa tempada de agasallos de Nadal.

O Concello de Santiago ten a oportunidade de desenvolver unha campaña específica de promoción de produtos galegos no pequeno comercio como un xeito de defender os nosos sectores produtivos, de transformación e de distribución que loitan fronte aos xigantes do comercio electrónico a grande escala internacional, segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

“As compras de Nadal constitúen unha boa oportunidade para darlle forma práctica e didáctica á defensa da nosa artesanía, música, libros, xoguetes non sexistas e unha cantidade de produtos que se crean directamente no noso país e, polo tanto, redundan na nosa economía”, engadiu.

Como xa se propuxo en outubro de 2019, nunha proposición do BNG aprobada por unanimidade, isto pode complementarse coa edición dun catálogo de distribución gratuíta dos produtos á venda en cada comercio, servizos de conciliación no Centro Sociocultural do Ensanche e noutros lugares descentralizados por barrios con actividades para nenos e nenas mentres se fan compras e tamén dar facilidades con vales desconto nos aparcadoiros, ademais de abrir novas zonas para deixar os vehículos.

Con esta campaña de sensibilización de consumo quérese contribuír a frear o peche de tendas e a destrución de postos de traballo por mor da crise económica e da pandemia da covid-19, que se agudizaron nos últimos anos coas medidas de liberalización comercial. Deste xeito, ante esta situación que conduce a un grave desequilibrio no sector comercial, pódese destacar a potencialidade e a calidade dos produtos galegos, como un motor para a dinamización do pequeno comercio local que aposta pola calidade, innovación e especialización.

De feito, esta campaña debe servir para reactivar as compras en estabelecementos composteláns co apoio ao asociacionismo do pequeno comercio para dinamizar a economía local.

O BNG propón unha campaña para apoiar o comercio de proximidade compostelán e fomentar a compra de produtos galegos no Nadal