O BNG reclama a actualización dos impresos cos horarios de verán de autobuses urbanos

O BNG reclama a actualización dos impresos cos horarios de verán de autobuses urbanos

Require tamén un formato máis lexíbel para facilitar o uso do transporte público

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG requírelle ao Goberno local que inste a Tussa, a empresa concesionaria do transporte urbano en Santiago de Compostela, a imprimir novos folletos cos horarios de verán dos autobuses e cun deseño e formato que facilite a lectura e, polo tanto, o seu uso.

O BNG recibiu queixas da asociación veciñal “Camiño de Santiago” de Bando sobre o que consideran “discriminatorio pola súa mala lectura, ilexíbel para a cidadanía e enganoso no trazado de percorridos”, xa que durante o verán os autobuses varían o percorrido e as frecuencias con respecto aos habituais que aparecen nos impresos.

Este feito está a causar molestias entre as persoas usuarias do transporte público, pois existen alteracións notábeis con respecto aos percorridos habituais sen que teñan coñecemento dos mesmos.

Quéixanse tamén de que os autobuses urbanos non levan elementos para a recollida de queixas e suxestións e que deben dirixirse ás oficinas de Tussa, cun horario limitado ao pecharen ás 14:00 horas, polo que consideran unha situación de desamparo e discriminación.

Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao vindeiro Pleno municipal para adoptar medidas que axuden a fomentar o uso do transporte público, como a actualización dos impresos cos horarios de verán dos autobuses urbanos cun formato máis lexíbel.

O BNG reclama a actualización dos impresos cos horarios de verán de autobuses urbanos